publicidade hoxe

A Casa da Cultura de Pazos de Borbén acolle a obra de teatro “Té con Kant”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPazos de Borbén
A-
A+

A Casa da Cultura de Nespereira, en Pazos de Borbén, aposta por un fin de semana didáctico coa obra de teatro “Té con Kant”. A cargo da compañía Inversa, o espectáculo pretende facer reflexionar aos asistentes a través do humor e unha afinada ironía. A representación terá lugar o domingo ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Nespereira. Esta obra está recomendada a maiores de 16 anos e a entrada ten un custo de 5 euros.

Té con Kant é un proxecto experimental que conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica xogando co humor e a ironía para obter unha peza de teatro íntimo próxima ao formato de teatro-didáctico-conferencia.

Na obra, Johanna Gottfried e Theodora Krauss son dúas mulleres ilustradas chegadas á nosa época nunha viaxe no tempo desde a Prusia do S. XVIII. Unha vez aquí tentarán exercer como axitadoras filosóficas coa pretensión de remover e promover a reflexión (e acción) do público asistente ao redor da problemática moral nos nosos días, a partir das ideas do seu amigo o filósofo Inmanuel Kant. A última decisión sobre o destino destes personaxes dependerá só do público asistente.

Unha interesante proposta cultural para este fin de semana monopolizado pola final da Copa Mundial de fútbol. Unha coincidencia xa prevista pola organización, tal e como comentaba Consuelo, a responsable da Casa da Cultura. “Dirixímonos a públicos distintos e son propostas totalmente diferentes”.

Inversa Teatro é unha compañía profesional galega fundada e dirixida por Marta Pérez desde o 2009, realizando diferentes xiras por Brasil, Colombia, México e Venezuela. Aposta por un teatro contemporáneo e de experimentación onde poder levar a cabo textos de dramaturgos galegos contemporáneos. Fundamenta o seu traballo na convivencia de diferentes campos artísticos: artes escénicas, audiovisual, música e artes gráficas.

9 de xullo de 2014 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.