Yolanda Castaño ofrecerá o espectáculo infantil “A poesía non morde” na Biblioteca de Riveira
Enmarcada no Xuño da Cultura e as Artes, a Biblioteca Municipal de Riveira dará cabida mañá sábado, ás 12 mediodía, á actuación da recoñecida escritora Yolanda Castaño, quen ofrecerá un espectáculo infantil titulado “A poesía non morde”. Como é habitual, trátase dunha acción dirixida a nenos e nenas con idades entre os 3 e os 12 anos e ten carácter aberto e gratuíto. Promove a concellería de Educación.
Outras dúas actividades do Xuño da Cultura previstas para mañá teñen carácter deportivo. Por unha parte, o partido de fútbol sala en homenaxe a Alberto Villaverde que enfrontará á Selección de Boiro con Autoescuela Riveira/O Castro, ás 19 horas no polideportivo da Fieiteira. E por outra, a segunda edición da Carreira Nocturna de Castiñeiras, que dará comezo ás 23 horas na súa nova modalidade de canicross e ás 23.15 horas no que se refire á competición absoluta.
Suspensión da zumba
Cómpre manifestar tamén que a exhibición de zumba programada para as 12.30 horas na praza de España suspéndese por mor das malas condicións meteorolóxicas.
Pero o que si se mantén é o calendario lúdico das Festas da Guía en Carreira, que nesta primeira xornada acolle a actuación das orquestras París de Noia e Garibaldi a partir das 22 horas. Previamente (18 horas) haberá un partido de solteiros contra casados e á medianoite o tradicional lanzamento de fogos de artificios.
E o sempre activo bar Brétema ofrécenos esta vez unha degustación de produtos do mar entre as 12.30 e as 14 horas.











