Xa están dispoñibles os novos abonos de tempada para as piscinas de Pazos de Borbén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

O Concello de Pazos de Borbén acaba de pór a disposición de todos os usuarios das súas piscinas os abonos validos para toda a tempada. Uns abonos que se estrean este ano e que inclúen a oferta dun pase válido para todos os membros dunha unidade familiar coa intención de fomentar o uso e goce de toda a poboación das súas instalacións. Os abonos pódense solicitar desde o luns 30 de xuño na Casa do Concello e entrarán en vigor a partir do venres 3 de xullo até o fin de tempada estival.

O Concello de Pazos de Borben conta con dúas piscinas municipais, nas parroquias de Moscoso e de Nespereira, que sendo un municipio de interior supoñen dúas áreas de esparexemento fundamentais para a poboación. Este é o primeiro ano no que o acceso ás piscinas de Pazos non será gratuíto, unha medida derivada da última Lei Reguladora de Facendas Locais, polo que desde o Concello preténdese con mitigar en todo o posible o impacto que pode ter o custo do servizo nos usuarios. Para iso estableceu unha política de “prezos populares” que busca fomentar o goce das instalacións municipais ao mínimo custo e por todos os membros da familia.

Os prezos quedan establecidos na cantidade de 1 euro para a entrada xeral, un pase válido para un día completo que poderá adquirirse na porta do recinto, unha cantidade pensada para visitantes ocasionais e esporádicos. Para aqueles que gozarán de calquera das dúas piscinas máis asiduamente está deseñado o pase individual cun custo de 15 euros ata que se peche a tempada, unha data que non se pode precisar debido ás condicións meteorolóxicas. Para fomentar o uso familiar dos recintos deseñar o abono familiar. Un pase que dá dereito a pais e fillos a gozar das piscinas municipais tantas veces como queiran.

Durante a presentación dos novos abonos, o alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Igrexas, lamentou o feito de non poder ofrecer os recintos aos veciños de maneira gratuíta, “É unha pena non poder ter unhas piscinas gratuítas, polo menos esperamos que cuns prezos baixos non quede ninguén sen ir”, manifestou o edil.

Os abonos serán validos e intercambiables entre os dous recintos, expediranse de maneira persoal co que simplemente haberá que acompañalos dalgún documento de identificación oficial para o acceso ao recinto. Os interesados en recibir máis información ou en solicitar os seus abonos deben dirixirse ás oficinas municipais da Casa do Concello, ou dirixirse ao teléfono 986 498 934. O custo dos abonos debe facerse efectivo no momento da solicitude.

27 de xuño de 2014 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.