Uns 40 establecementos hostaleiros do Porriño participan nunha ruta de tapas
A Asociación de Hostaleiros de Porriño (Ahospor) pon en marcha, en colaboración co Concello de Porriño, a súa primeira iniciativa co obxectivo de potenciar o sector na vila. Como xa o anunciaron hai uns meses na súa presentación oficial, tras a súa constitución, organizaron unha ruta de tapas: Destápate. Alternativa e á vez complementaria ao Pinchorriño, Destápate desenvólvese tamén os venres e sábados, de 19.00 a 23.00 horas, pero durante este mes de xuño, servíndose a tapa a un módico prezo dun euro.
O alcalde Nelson Santos e o concelleiro de Comercio Marcelino Coto presentaron hoxe xunto con José Manuel Fernández, presidente de Ahospor, estas xornadas que dan comezo mañá mesmo. Alcalde e concelleiro felicitaron e déronlle o parabén á asociación polo seu bo facer e pola posta en marcha de iniciativas dinamizadoras como esta que atraerá a moita xente a Porriño, tanto os propios veciños como persoas doutros municipios, como tamén pasa en novembro co Pinchorriño. Ambos tamén destacaron a consolidación da unión do sector, pondo como exemplo diso o feito de que case a totalidade dos hostaleiros locais participen da ruta, sendo 40 os establecementos adheridos.
No acto de presentación esta mañá na Casa Consistorial xa se desvelaron algunhas desas tapas traídas polos responsables das cafetarías, bares e restaurantes participantes. Fabas con polbo, bocadillo de salchicha alemá ou croquetas caseiras son algúns exemplos do que un se pode atopar nesta ruta. No entanto, desde a asociación sinalaron que non fixaron unha tapa única por establecemento, senón que esta pode variar segundo o día ou en función da demanda, o que si aseguran é que “será xenerosa”.
A participación dos clientes en Destápache tamén terá o seu premio. Do mesmo xeito que no Pinchorriño repartiranse uns cupóns nos cales haberá que reunir seis selos de establecementos diferentes, enchelos cos datos persoais, depositalos nun dos locais e esperar a que sexa ese o cupón gañador do sorteo dun cruceiro para dúas persoas polo Mediterráneo.











