Uns 200 deportistas mediranse no triatlón de Riveira clasificatorio para o campionato nacional
Un total de 200 persoas competirán este domingo na segunda edición do Triatlón Concello de Riveira, dos cales 137 participarán na proba absoluta, que é a única competición clasificatoria para o campionato de España que se disputa no Noroeste Peninsular, e outras 63 na proba popular, organizada co fin de seguir promovendo a práctica deste deporte entre a cidadanía.
Así se confirmou esta mañá durante a presentación do evento, a cargo do concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez; do presidente do Club Natación Riveira, José Antonio Prada; e do presidente da Federación Galega de Triatlón, Francisco Villanueva.
A cita dará inicio ás 9 horas en Coroso coa saída dos participantes en categoría masculina. Dez minutos despois farán o propio as mulleres. En ambos casos cubrirán as distancias propias deste deporte en modalidade olímpica: 1,5 quilómetros a nado, 40 quilómetros en bicicleta e 10 correndo.
Alto nivel
A organización destacou o alto nivel dos deportistas participantes, entre os cales destacan -en opinión de Francisco Villanueva- Diego Paz, Brais Carreira ou Marta Barbeito. Proba da puxanza da competición (que dá dereito a 20 prazas para o campionato de España que terá lugar no vindeiro mes de setembro) é o feito de que aparte de triatletas galegos, comparecerán outros procedentes do País Vasco, Asturias, Castela e León, Madrid, Murcia ou Extremadura.
Ás 12 do mediodía está prevista a proba popular minisprint, de distancias máis reducidas, con percorridos de 300 metros a nado, 10 quilómetros en bicicleta e 2.500 metros de carreira a pé.
A dobre cita está coorganizada por Lodeco, S.L.U., Club Natación Riveira, Concello de Riveira e Federación Galega de Triatlón. Conta co patrocinio da Deputación da Coruña, Obras y Servicios Lijó, Xoiería e Óptica Blanco, Congalsa, Serdeco e A Poutada. Colaboran tamén Sportbike, Policía Local, Protección Civil e Secretaría Xeral para o Deporte.











