publicidade hoxe

Unhas 40 embarcacións reuniranse na comarca da Mariña na I Travesía Náutica Xacobea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLugoRibadeo
A-
A+

Entre os días 5 e 7 de xullo, A Mariña será referente do deporte náutico en España ao acoller a preto de corenta embarcacións que iniciarán dende aquí a ruta Atlántica da I Travesía Náutica Xacobea, enmarcada dentro dos actos cos que a Xunta de Galicia conmemora o VIII centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

Así o sinalou hoxe a delegada territorial, Raquel Arias, durante a presentación do evento, destacando a “extraordinaria resposta” que tivo a proposta de Turismo de Galicia tanto no ámbito nacional como internacional, dado que do porto de Ribadeo zarparán barcos de Irlanda, Francia, Inglaterra ou Bélxica, entre outros.

A Travesía Náutica Xacobea contempla dúas propostas, unha ruta Mediterránea (ou ruta Sur), que comeza este mesmo sábado no porto de Xénova, e una ruta Atlántica (ruta Norte), que parte de Ribadeo o 5 de xullo e inicia a segunda etapa en Viveiro.

A ruta mediterránea percorrerá 1.542 millas en 14 etapas ao longo de case un mes de navegación. A ruta Atlántica percorrerá cerca de 210 millas náuticas en seis etapas: Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Portosín, Ribeira e Cabo da Cruz. Será neste último porto cando, o día 11 de xullo, a iso das dúas da tarde se xunten os barcos da ruta Atlántica procedentes de Ribeira e os que chegan da ruta Mediterránea dende Portonovo.

Arias lembrou que “a calidade determinou a selección das estacións náuticas para acoller as embarcacións da peregrinación”, aproveitando para destacar que o RCN de Ribadeo ten o recoñecemento da Q de calidade e no porto deportivo de Viveiro lucirá de novo a bandeira azul.

Segundo explicou, está confirmada neste momento a participación de 48 embarcacións en ambas rutas, 35 delas na ruta Norte, e de arredor de 200 participantes. “Este evento –afirmou- atraerá a centos de persoas á Mariña, entre navegantes e público, e non me cabe dúbida de que repercutirá moi positivamente na promoción turística da zona, que é o obxectivo principal que persegue Turismo de Galicia”.

A delegada indicou que a Dirección Xeral de Xuventude participa na iniciativa a través das actividades da Campaña de Verán para a mocidade galega. Así unha das goletas que completará o percorrido atlántico será a Goleta Nieves, na que a Xunta ofreceu 25 prazas a mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos; “tripulantes” aos que neste caso non se lles esixe coñecementos náuticos e que, ao tempo que disfrutan da navegación, aprenderán algunhas das tarefas que se levan a cabo nunha embarcación de vela de gran eslora. A falta aínda de case un mes para que comece a travesía, só quedan catro prazas vacantes.

Turismo de Galicia organizou a travesía en colaboración con ASNAUGA –a Asociación de Clubs Náuticos de Galicia- co obxecto de rememorar a Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago ata Galicia por mar, así como a propia peregrinación do santo de Asís, configurando unha viaxe única en Europa polas súas características.

“Os amantes da náutica comprenderon que esta travesía é unha oportunidade única de participar nunha iniciativa singular, que une os atractivos do mar cos da peregrinación xacobea -apuntou Arias-, ata o punto de que as solicitudes de participación desbordaron as previsións iniciais”.

Na presentación, participaron tamén Javier Ruiz de Cortázar, presidente de ASNAUGA, Ramón Acuña, presidente do Club Náutico de Ribadeo, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, como presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña.

12 de xuño de 2014 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.