Unha ruta de 9,5 quilómetros e actividades infantís festexarán o Día da Bici en Riveira
O domingo 15 de xuño terá lugar unha nova edición do tradicional Día da Bici, concibido co obxecto de fomentar o uso deste medio de transporte e transmitir os hábitos saudables que isto conleva.
A primeira tenente de alcalde Dolores Elorduy, o técnico municipal de Deportes Miguel Ruiz, e Breixo Ventoso e Juan Santos no nome dos clubs ciclistas colaboradores Tahume e Os Saltamontes explicaron no día de hoxe os detalles desta cita, que está aberta a participación da calquera afeccionado non só do propio termo municipal senón tamén doutras procedencias. A organización pretende que esta cita sexa unha gran festa para a xente de calquera idade e con tal motivo moi diversas actividades sucederanse ao longo de toda a mañá..
Cabe destacar en primeiro lugar a ruta en bicicleta sobre un percorrido de 9,5 quilómetros, semellante ao do ano pasado, que dará comezo ás 11 horas na praza de España (a retirada de dorsais deberá facerse entre as 10 e as 10.45 horas). Terá unha dificultada física e técnica baixa e descorrerá na súa maior parte polo casco urbano de Riveira (praza de España, praza do Concello, Rosalía de Castro, Malecón, avenida de Ferrol, Deán, avenida da Paz, avenida da Coruña e regreso á praza de España). O club Os Saltamontes encargarase de controlar a carreira, sendo imprescindible respectar as súas instruccións. O casco é obrigatorio.
A idade mínima para realizar o itinerario completo é de 7 anos. Non obstante,os menores desta idade ou en que os pais non os vexan con forzas para poder seguir terán a oportunidade de retirarse aos 3,5 quilómetros e disfrutar das outras actividades programadas para a praza de España.
Xincana e exhibicións
Así, ás 11.30 horas dará comezo neste espazo unha xincana e unha concentración de motos plásticas para os máis pequeniños. De igual xeito, haberá exhibicións acrobáticas de bicitrial e de campillo. A coordinación deste grupos de accións corre a cargo do club Tahume.
Sorteos e avituallamento
Ao finalizar todas estas actividades, aproximadamente ás 12.45 horas, terá lugar un avituallamento con produtos doados por Chicolino Restauración e un sorteo de moitísimos agasallos entre os participantes.
Cómpre destacar neste senso o sorteo de dúas bicicletas, unha cedida polo Concello e a outra pola tenda Sportbike. Tamén se rifarán vales e distinto material deportivo por cortesía de Gadis, Podium Sport, Deportes Estévez, Alia, A Poutada, Mountain Bike e a administración de loterías La Fortuna.
A día de hoxe hai preto de 300 persoas anotadas e a pretensión é alcanzar as 700 participantes o ano pasado. As inscricións pódese formalizar a través da páxina web municipal www.riveira.es. O prazo para apuntarse finaliza o vindeiro xoves 12 de xuño.
Tanto Dolores Elorduy como o resto de intervenientes animaron á poboación a sumarse a este acontecemento, co desexo de que as condicións meteorolóxicas respondan axeitadamente.











