Un total de 31 persoas aspiran a ocupar un posto no grupo de emerxencias municipal de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Un total de 31 persoas postúlanse para ocupar un posto no novo Grupo de Emerxencias Municipal que vai poñer en funcionamento o Concello de Riveira a partir do mes de xullo e que estará composto por un capataz e seis peóns.

Cómpre manifestar que para o posto de capataz aspiran 16 persoas, mentres que para as prazas de peóns figuran un total de 30, dándose a circunstancia de que 15 individuos concorren en ambas convocatorias.

Este venres 13 de xuño darase inicio ao proceso selectivo polo sistema de oposición libre coa constitución do tribunal cualificador (9 horas na Casa do Concello) e co desenvolvemento das probas físicas no complexo deportivo da Fieiteira (9.30 horas).

Os aspirantes terán que realizar probas de natación (50 metros libres), forza (10 repeticións de press-banca) e resistencia (1.000 metros lisos). Os que superen esta quenda terán que afrontar nas vindeiras datas sucesivos exames: unha proba de coñecementos, outra de carácter práctico e outra de coñecemento da lingua galega.

Competencias

Entre as tarefas e labores a desenvolver por este persoal figuran a prestación de servizos de emerxencia (tales como a intervención en incendios forestais e urbanos no ámbito territorial e funcional da súa competencia, intervencións en situacións derivadas de riscos naturais, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, etc., intervencións en situacións de risco inducidos polo home, etc.).

Tamén se contempla a participación nas actuacións e intervencións materiais do servizo de protección civil, co mantemento e coidado de equipos e material utilizados (colaboración en caso de aglomeracións de persoas en lugares e momentos determinados, colaboración e apoio en calquera situación que implique riscos para persoas, bens ou medio ambiente, colaborar nas funcións que lle poidan corresponder segundo os diferentes plans de protección civil previstos na normativa legal vixente, etc.).

E en xeral, calquera outra tarefa vinculada coa función preventiva dos distintos servizos que ten que prestar o Concello e vinculada co eido competencial no que se integran estes postos (realización de actividades ou, no seu caso, establecemento de medidas preventivas que minimicen as situacións de risco indicados, tales como desbroce e limpeza de cunetas e montes, limpeza de taxeas, retirada de delfíns, ou calquera outra en materia de protección civil, emerxencias, medio ambiente, servizos sociais, sanidade, cultura, educación ou deporte).

Os integrantes do GEM desempeñarán as súas competencias baixo a modalidade de xornada completa, en quendas de mañá ou de tarde, todos os días da semana, cos descansos que regulamentariamente correspondan.

11 de xuño de 2014 | 12:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.