Riveira estrea web renovada, máis intuitiva, moderna e cómoda para o usuario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Dende hoxe xoves o Concello de Riveira conta cunha web institucional totalmente renovada. O Centro Cultural Lustres Rivas deu cabida onte pola tarde á presentación desta ferramenta tecnolóxica de vangarda, nun acto que contou coa participación do alcalde Manuel Ruiz e de David Trillo, director executivo da empresa encargada da súa elaboración.

Ruiz Rivas lembrou que a (ata onte) web oficial do Concello de Riveira foi unha das primeiras en implantarse no tecido administrativo de Galicia e tamén unha das máis completas. Non obstante, recoñeceu que o deber de incorporar novas seccións e contidos foi en merma da súa axilidade e facilidade de uso, razón pola cal era necesario proceder á súa renovación: “Unha das prioridades que tiñamos era ofertar aos riveirenses e visitantes unha nova páxina web acorde cos novos tempos e necesidades”, afirmou.

A elaboración da mesma foi confiada á empresa que se encargou da elaboración da Web-Xis Turístico-Patrimonial do Concello, unha das actuacións incluídas no proxecto Riveira Atlántica 2015. Segundo David Trillo, a nova web (o nome do dominio segue a ser o mesmo: www.riveira.es) foi desenvolvida coas últimas tecnoloxías dispoñibles e presenta un deseño moi coidado, actual e intuitivo para o usuario.

Dispositivos móbiles

O representante de Avangig destacou que está preparada para ser visualizada en dispositivos móbiles de última xeración.

O usuario poderá atopar comodamente apartados do seu interese como, por exemplo, o perfil do contratante (onde se recollen as distintas actuacións adxudicadas, en licitación, etc…) ou un taboeiro de anuncios dende o que acceder a bandos municipais, procesos abertos de contratación laboral, actas e convocatorias plenarias, etc…

A nova páxina web incorpora tamén novas prestacións, entre as que destaca a posibilidade de reservar e pagar vía online instalacións deportivas, algo que polo momento xa está operativo en relación ao Centro de Deportes de Raqueta Santa Uxía.

Redes sociais

Tamén ofrece unha maior interacción coas redes sociais, coa posibilidade de acceder dende a páxina de inicioa tres contas oficiais do Concello: facebook (nome de usuario: Concello de Riveira), twitter (@concelloriveira) e instagram (@concelloriveira).

E por suposto serve de porta de acceso ás potentísimas ferramentas dos portais turístico e cidadán creados no marco do Riveira Atlántica, que se atopan totalmente integrados na interfaz gráfica do soporte acentuando así a súa visibilidade.

26 de xuño de 2014 | 20:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.