Riveira conta cun total de 8.381 puntos de luz e 122 cadros de protección de competencia
O Concello de Riveira desexa dar a coñecer os resultados do inventariado efectuado sobre a totalidade da instalación de alumeado público exterior que é competencia desta Administración Municipal. A devandita instalación está composta por un total de 8.381 puntos de luz e 122 cadros de protección e manobra, ademais do resto da infraestrutura asociada (soportes, báculos, cableados, etc).
O Concello de Riveira plantexouse a conveniencia de realizar este inventariado para obter un coñecemento exhaustivo deste tipo de instalación, xa que a curto prazo pretende a renovación integral do alumeado exterior no marco dun Plan de Eficiencia Enerxética e Racionalización do Gasto.
Máis concretamente, perséguense os seguintes obxectivos:
– A prestación do servizo de alumeado público exterior dentro dos niveis óptimos de seguridade e eficiencia marcados pola normativa vixente.
– A mellora da operación e mantemento da instalación.
– A obtención dunha maior eficiencia enerxética que xere aforros económicos e enerxéticos ao municipio.
– A redución de emisións de gases contaminantes da atmosfera co conseguinte beneficio medioambiental.
Licitación
Está previsto que a pretendida renovación sexa realizada mediante licitación pública, a través da modalidade denominada “Contrato Mixto de Subministro e Servizos para a Prestación Integral do Servizo de Iluminación Pública Exterior do Concello de Riveira” a unha Empresa de Servizos Enerxéticos (ESE). A ESE será a encargada de executar as actuacións necesarias e de financialas con base aos aforros económicos xerados por ditas actuacións.
Páxina web
O inventariado realizado polo Concello serve como punto de partida para este procedemento e ponse a disposición pública para a súa consulta por calquera interesado. Pódese acceder ao mesmo a través da páxina web www.riveira.es.











