Riveira activa a contratación de 20 persoas para a limpeza de praias e contornos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira anuncia o inicio do proceso selectivo para a contratación de vinte peóns co obxecto de prestar durante dous meses o servizo de limpeza de praias e contornos.

Unha importante novidade con respecto a convocatorias anteriores reside no feito de que este ano os aspirantes deberán acreditar ser persoas desempregadas durante un período mínimo de 12 meses: un requisito que deberá cumprirse tanto no momento da selección como no da formación do contrato.

Esta iniciativa forma parte dun plan de emprego en virtude do cal o Concello vai contratar a máis de 100 persoas. Neste senso, aos 20 peóns para a limpeza de praias e contornos, súmanse outros procesos impulsados recentemente para este verán, como os que atinxen a 39 socorristas, 3 técnicos para as oficinas de turismo, 10 auxiliares de Policía Local e 4 carpinteiros, ao que hai que engadir tamén os 7 efectivos que integrarán dende xullo o Grupo de Emerxencias Municipal (GEM), neste caso con carácter estable durante todo o ano. Igualmente, os servizos municipais están en trámites para a contratación con cargo aos programas de cooperación de 4 obreiros e 16 auxiliares de axuda no fogar.

Vinte horas semanais

Polo que respecta ao servizo de limpeza de praias e contornos, trátase dunha contratación subvencionada pola Deputación Provincial, baixo a modalidade de duración determinada por obra e servizo. Os contratos serán a tempo parcial de 20 horas semanais, en horario que se distribuirá segundo as necesidades de organización.

O proceso selectivo terá lugar mediante o procedemento de concurso de méritos e entrevista. No primeiro dos apartados, puntuarase, entre outros, conceptos tales como a experiencia profesional, a participación do alumnos en cursos e seminarios de formación e capacitación profesional ou pertencer a un colectivo con especiais dificultades de inserción laboral (mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos demandantes de primeiro emprego ou maiores de 45 en paro, persoas con discapacitade, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, etc…)

Inscricións

As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes, xunto co resto da documentación requirida, no Rexistro Xeral do Concello, lugar onde están dispoñibles os correspondentes modelos de instancia.

Tamén poden descargar copia da instancia e as bases de contratación na páxina web municipal www.riveira.es. O prazo para presentarse iníciase hoxe por un período de sete días hábiles.

2 de xuño de 2014 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.