Riveira acometerá a mellora da explanada de acceso ao matadoiro comarcal no polígono industrial de Xarás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira acaba de ver confirmada a recepción dunha subvención de 72.800 euros por parte da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, englobada nunha liña de axudas dirixidas á mellora de infraestruturas en parques empresariais. Dita subvención permitirá a mellora da zona que dá acceso ao matadoiro comarcal.

O obxectivo fundamental que se persegue con esta actuación, cuxo investimento total ascende a 91.003 euros (a axuda autonómica percibida é do 80%), reside en mellorar a explanada existente na zona de entrada do matadoiro, cuxo firme está moi deteriorado, consecuencia das fortes chuvias deste inverno e por mor da acción do tráfico pesado.

Case 4.000 metros

As obras a realizar inclúen o acondicionamento da superficie, de 3.913 metros cadrados de extensión, con aplicación dunha base granular de zahorra artificial, dun tratamento con emulsión asfáltica e dunha capa final de mestura bituminosa en quente.

Previo á realización das pavimentacións previstas, instalarase unha tubaxe para drenaxe de pluviais e serán creadas arquetas e cunetas, co obxecto de evitar que a auga de chuvia se acumule na zona.

O prazo de execución desta actuación será dun mes.

25 de xuño de 2014 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.