Porrigalia rexistra 16.800 visitas na súa primeira semana de funcionamento
Presentada e aberta ao público o pasado venres, a día de hoxe a páxina web www.porrigalia.com rexistrou xa 16.800 visitas, o que indica o interese da cidadanía por asistir e participar deste evento que rememorará a cinco civilizacións nas rúas de Porriño os días 12 e 13 de xullo, organizado polas concellarías de Festexos e de Deportes do Concello de Porriño que dirixe M. Alejandro Lorenzo.
Este portal de internet recolle toda a información respecto diso, desde a inscrición para participar dos I Xogos Olímpicos de Porriño á indumentaria apropiada para a ocasión, pondo exemplos de roupas e complementos utilizados en cada época, podendo coñecer tamén un pouco da historia de romanos, galos, celtas, exipcios e gregos para así elixir a que equipo pertencer. Ademais de en www.porrigalia.com, ante calquera dúbida poden dirixirse ao centro cultural municipal, onde tamén terán que acudir aquelas persoas que desexen instalar un posto na zona habilitada para iso. A maiores destas casetas, os locais comerciais e de hostalaría da vila ataviaranse para a ocasión sendo ademais os protagonistas dun concurso de tapas.
Primeiras inscricións no cinco equipos
Galos, celtas, romanos, exipcios e gregos xa teñen adeptos, pois xa se rexistraron a través da web as primeiras inscricións, tanto individuais como en grupo, para participar nos I Xogos Olímpicos. É a destacar que non só xente de Porriño anotouse para formar parte desta iniciativa senón que, ademais de persoas de diferentes concellos da provincia e de Galicia, tamén hai algunha doutros puntos da xeografía española, como é o caso de Murcia. Neste sentido, desde o Concello lembran que a festa é aberta a todo o mundo, veciños de Porriño e visitantes de calquera lugar do mundo.
En www.porrigalia.com explícase cada unha das doce modalidades nas que se competirá, indicando como se desenvolve o xogo e as normas establecidas. É neste apartado de “probas” é no cal se realizan as inscricións en: loita, lanzamento de pedra, 100 metros lisos, 4×100 metros substitucións, carreira de cabalos, carreira de carros, corte de troncos, halterofilia, tiro con arco, xogo da soga, salto de altura e salto de lonxitude.
Exhibicións, concertos e desfiles
Os I Xogos Olímpicos de Porriño serán o evento estrela de Porrigalia, non obstante a programación complétase con moitos outros actos e actividades que se celebran coincidindo coa festividade local de San Benito (días 10 e 11), prologándose así as xornadas de festa na vila de xoves a domingo.
O Parque Infantil, o barrio de San Benito, rúa Domingo Bueno, a avenida de Galicia, a zona peonil e o velódromo municipal serán os escenarios do aceso da chama olímpica, o desfile do cinco equipos, a preparación da pócima máxica, unha festa nocturna, exhibicións ecuestres e de cetraría, baile, xogos populares, concursos, loita de gladiadores, espectáculos circenses, representacións teatrais, camelos e moitas outras sorpresas. E a modo de clausura está programada a actuación dun tándem de artistas galegos -un humorista rapero e un gaiteiro dj- e dun mítico grupo de rock español.
Rueiro, concursos e contacto
A web tamén recolle un rueiro ao cal se irán engadindo iconas coa localización dos diferentes establecementos participantes de Porrigalia, ademais de situar, en canto estea pechada toda a programación, a celebración de cada un dos eventos.
Outros dous apartados do portal son o de “concursos”, habendo catro: tapas, pócima máxica, fotografía e disfrace; e o de “contacto” onde calquera pode realizar preguntas e suxestións, unha opción que se pode facer tanto a través da web como tamén dirixíndose persoalmente ao centro cultural ou ao polideportivo, sobre todo os comerciantes e hostaleiros ante calquera dúbida que lle xurda.











