Pilar Casas marabillou aos asistentes nunha conferencia en Riveira
A modo de anticipo da gran exposición que terá lugar en Riveira pasada a estación de verán, a directora do Museo Municipal, Pilar Casas, pronunciou na tarde de onte unha conferencia titulada “Recuperando a historia. Cen anos do Santa Isabel 1914-204)”.
Numerosas persoas interesáronse polo contido desta charla (incardinada dentro do Xuño da Cultura e as Artes) e encheron o salón de actos do Centro Cultural Lustres Rivas.
Tras a presentación da conferenciante por parte da concelleira Elvira Pisos, Pilar Casas deu unha interesantísima ponencia para explicar o traballo e as pescudas que leva realizando durante máis de dous anos co obxecto de artellar a citada exposición, da que é comisaria.
Para isto estivo apoiada en numerosa documentación gráfica a xeito de fotografías, actas ou xornais da época, que reflicten o antes, o durante e o despois do que aconteceu naquela madrugada do 2 de xaneiro de 1921.
Tres bloques
Neste senso, charla estivo dividida en tres bloques: por unha parte, falou da compañía transatlántica do buque, naquel entón a principal navieira existente en España; a continuación estableceu unha crónica do naufraxio do vapor, para finalizar incidindo nas Heroínas de Sálvora e nas moitas condecoracións e recibimentos que se lle dispensaron na súa honra.
Foron moitos os detalles descoñecidos acerca desta traxedia que Casas deu a coñecer na tarde de onte, se ben moitos outros que se reservan en segredo para o momento da exposición.
A conferencia concluíu con dous grandes aplauso: un despois da súa charla e o outro tras a quenda de preguntas.











