Os expertos estiman que o escavado do Castro da Cidá representa só o 10% da superficie total da aldea fortificada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+
Conferencia de Miguel Ángel Vidal

Conferencia de Miguel Ángel Vidal

O salón de actos do Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira acolleu onte un dos eventos máis concorridos dos que se teñen realizado ata agora na instalación municipal, a raíz da conferencia impartida polo arqueólogo de Castiñeiras Miguel Ángel Vidal, que tivo como eixo central as recentes escavacións arqueolóxicas no Castro da Cidá, un labor da que el está a exercer de director de obra.

Foron ocupadas as 70 cadeiras da sala para un acto incluído dentro do Xuño da Cultura e as Artes que foi presentado polo alcalde Manuel Ruiz e tamén contou coa intervención do arquiveiro municipal José Antonio Otero, antes de que o protagonista tomase a palabra.

Miguel Ángel Vidal principiou a súa intervención realizando un rápido avance pola en Riveira, ilustrando as súas explicacións con fotografías do dolmen de Axeitos, mámoas como a da Mámoa (unha das máis de 30 existentes no concello), o menhir de Bretal, os petróglifos de Pedra das Cabras, ademais –xa moito máis adiante do tempo- da primeira testemuña escrita que se ten acerca dunha muller riveirense, recollida nunha lápida funeraria en latín do século II d.C., que está actualmente desaparecida.

Redescubrimento

Despois deste somero repaso, o arqueólogo entrou en materia e incidiu nos traballos realizados no Castro da Cidá, aos que cualificou de “verdadeiro redescubrimento” e se enmarcan dentro do proxecto Riveira Atlántica 2015. Así, avanzou que, segundo as estimacións que se teñen, o escavado ata agora representa unicamente un 10% da superficie total da aldea fortificada que alí había. A falta dos resultados que arroxen as análises de carbono 14, calcúlase que o Castro foi habitado entre o 400 a.C. e o século II a.C.

Tamén manifestou que os traballos realizados evidencian que o lugar onde tiveron lugar as escavacións pertencía a un barrio artesanal, con claros indicios de actividade téxtil e metalúrxica. Curiosamente, non se recolleu polo momento ningún elemento indicativo de actividade agraria.

A modo de conclusión, Vidal Lojo cualificou ao castro como “un dos xacementos arqueolóxicos máis espectaculares de Galicia, un gran miradoiro do Barbanza, con fantásticas vistas ao parque natural”. Ao seu modo de ver, ten que ser unha “tarxeta de presentación” de Riveira e un foco de atracción importante para a industria turística. Neste senso, apuntou o dato de que o segundo destino máis visitado de Galicia por detrás da catedral de Santiago son os Castros de Santa Tegra en A Guarda.

Manuel Ruiz expresou a súa confianza en dar continuidade aos labores no Castro a través dunha subvención con fondos europeos Leader que se ten solicitado.

27 de xuño de 2014 | 12:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.