Os Encontros de Compradores de Salimat acolleron preto de 700 reunións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Encontros de negocio en Salimat

Encontros de negocio en Salimat

O 18º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat 2014, o cal se celebra dende onte e ata o vindeiro domingo na Feira Internacional de Galicia, acolleu cerca de 700 reunións de negocio nos seus Encontros Internacionais e Nacionais de Compradores, xa que ás 564 programadas sumáronse outras axendadas durante o seu transcurso.

Estes encontros tiveron lugar entre máis de 70 empresas, as cales están presentes na área expositiva do certame, e os 18 representantes que acudiron por parte dos 14 importadores e distribuidores, procedentes de 7 países con gran interese para a nosa oferta alimentaria, como son Alemaña, Xapón, Italia, México, Australia, Rusia e España.

Mediante reunións establecidas en función dos intereses de ambas partes, as empresas participantes puideron amosar directamente as súas propostas aos compradores destacando as súas vantaxes, o cal supón unha importante oportunidade de negocio.

Os produtos con maior interese para os compradores que acudiron ao salón foron os viños e aceites con Denominación de Orixe, queixos, cárnicos elaborados, conservas, mel, produtos de panadería e pastelería, froitos secos e alimentos artesán e ecolóxicos en xeral.

Máis reunións nos stands

As empresas expositoras participantes nos Encontros de Compradores, os cales se realizan co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), amosaron a súa satisfacción coa calidade dos importadores e distribuidores presentes, mentres que estes destacaron a calidade e atractivo dos produtos que coñeceron.

Proba delo é que estas reunións de negocio aumentarán entre a tarde de hoxe e mañá, xa que algúns dos compradores españois, ante o seu interese pola oferta presente no salón, decidiron prolongar a súa estancia para entrevistarse con máis empresas nos seus stands.

13 de xuño de 2014 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.