publicidade hoxe

Os cativos de Pazos de Borbén convértense en panadeiros por un día

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+
Obradoiro panadeiro

Obradoiro panadeiro

O forno da Panadaría O Cruceiro, na parroquia de Nespereira, recibiu esta mañá unha visita moi especial. Un total de 61 nenos e nenas, de 3 a 14 anos, participantes na primeira das actividades de verán programadas polo Concello de Pazos de Borbén. Unha mañá na que os pequenos se encheron de fariña, xogos e moita diversión ademais de aprender como con catro ingredientes, ademais do traballo e o agarimo, pódese facer o mellor dos pans.

Divididos en grupos, o primeiro que aprenderon os pequenos foi o proceso de fabricación da masa a partir da fariña, sal, auga e fermento. Un proceso ao que os pequenos asistían entre os primeiros xogos, mancharse uns a outros de fariña. A continuación, os panadeiros puxeron a disposición dos pequenos unhas porcións de masa para o seu modelado en varias mesas. “Iso parece unha pizza, non un croissant” dicíalle un dos nenos ao seu compañeiro mentres os panadeiros rían. “Non sei quen o pasa mellor, os nenos ou os panadeiros” dicía José Angel, un dos organizadores, que lamentaba a falta de datas dispoñibles para repetir a experiencia dada a gran acollida que obtiveron.

Finalmente, despois de modelar os seus croissants, napolitanas e barras de pan os pequenos foron testemuñas do proceso de horneado no que o pan adquire a súa cor e textura. Despois dunha prudente espera para que os produtos arrefriasen os nenos deron o visto e prace ao seu traballo, uns doces e un pan que levaron a casa para compartir coa súa familia. Desde o Concello de Pazos de Borbén queren agradecer á Panadaría “O Cruceiro” de Nespereira a súa colaboración nesta actividade, xa que ademais de proporcionar unha mañá de alegría a todos os pequenos, achegou os ingredientes e o traballo realizado de maneira totalmente desinteresada.

25 de xuño de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.