Oito cativos do Porriño foron galardoados nun concurso galego de deseño de xoias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Porriño
A-
A+
Os porriñeses premiados

Os porriñeses premiados

O pasado mes de maio, con motivo da celebración do Día da Nai, o Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia convocou un concurso de deseño de xoias dirixido a nenos de ata 12 anos. Do certame resultou vencedora dunha das categorías unha nena porriñesa (Mara Vicente Núñez, de 3 anos e alumna do colexio Irmáns Quiroga) e outros sete foron finalistas do mesmo. Dado que a gañadora recibiu xa o seu galardón nunha gala celebrada en Santiago, os premiados agora foron os sete deseñadores que lograron facerse un oco na final deste concurso no que participaron máis de 8.000 nenos.

Con tal motivo, o alcalde do Concello do Porriño Nelson Santos e as concelleiras de Educación e de Cultura, Ana Martínez e Teresa Veloso, respectivamente, acudiron á entrega destes sete premios que organizou a Xoiaría Covelo o pasado venres e que consistiron na propia peza física que cada un deseñou en papel, nuns casos foron colgantes, noutros broches e tamén houbo pendentes, case todos en prata. Desde Xoiaría Covelo explican que para celebrar o éxito destes nenos, e en colaboración coa Escola Técnica de Xoiaría do Atlántico, decidiu fabricar as pezas deseñadas para o concurso, para que así puidesen agasallar ás súas nais coas súas propias obras.

Os sete galardoados son Nuria Santos González e Naim Penedo Vilanova de 11 anos, Antía Gándara Vieito e Lucas Domínguez Barbosa de 10 anos, o catro do colexio Santo Tomás; Marta Romeu Almeida de 9 anos, alumna do CEIP Xosé Fernández López; Ariadna Martínez Gómez de 6 anos e estudante do colexio de Atios e Mara Camacho Moyano dos Irmáns Quiroga e de tan só 3 anos.

Ao acto asistiron tamén os pais e familiares dos nenos, así como algúns dos seus profesores, e Alberto Martínez, o mozo porriñés recentemente galardoado a nivel europeo co primeiro premio do concurso europeo de xoiaría artística no certame organizado polo Parlement Lyceen Europee.

10 de xuño de 2014 | 12:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.