O Porriño informa da oferta de prazas no programa de balnearios Coidarte
Un ano máis, co obxectivo de contribuír ao fomento do envellecemento activo e á mellora da calidade de vida dos máis maiores, o Concello de Porriño, a través da Concellaría de Benestar Social que dirixe Teresa Veloso, adhírese ao programa de balnearios diúrnos Coidarte 2014 da Deputación de Pontevedra. Desta maneira, todas as persoas interesadas en participar nesta campaña deben presentar a súa solicitude, desde hoxe mesmo e con prazo até o 23 de xullo, nos Servizos Sociais do Concello de Porriño (3ª planta), lugar onde tamén poderán informarse máis detalladamente sobre calquera cuestión respecto diso, o impreso de solicitude deberá ir acompañado da fotocopia do DNI.
O programa, dirixido a persoas maiores de 50 anos, xubilados, pensionistas ou con necesidades de “respiro familiar”, consiste en pasar cinco tardes seguidas nun dos balnearios ou talasos da provincia de Pontevedra a prezos reducidos, xa que o custo total da praza será cofinanciado entre o ente provincial, o concello e o usuario. Neste caso, a Deputación achegará por cada praza 35 euros, o Concello de Porriño 10 euros e o usuario unha cantidade variable en función do balneario ou talaso elixido, oscilando entre os 19 e os 71 euros. O prezo inclúe o traslado en autobús desde o lugar de orixe até o establecemento elixido, dúas horas diarias durante cinco días nas instalacións, gorro e chanclas, refrixerio para despois da actividade, excursión, seguro de viaxe e do establecemento e guía acompañante.
Táboa de prezos:
Spa Torre do Deza, Lalín 19 €
Spa Norat O Grove 30 €
Talaso Spa Moaña 50 €
Talaso Atlántico, Oia 64 €
Balneario de Mondariz 67 €
Balneario Hesperia Illa A Toja 70 €
Balneario Termas de Cuntis 71 €











