O Porriño acollerá a III Gala do Deporte Feminino Galego
A Asociación Abrandares Deportistas Galegas (MUDEGA) celebra, coa colaboración do Concello de Porriño, a III Gala do Deporte Feminino de Galicia. Será este sábado, 28 de xuño, a partir das 19.30 horas no Círculo Recreativo Cultural da vila do Louro, cando se realice a entrega dos 12 galardóns premiando o traballo realizado en 2013.
Precisamente na edición anterior destes premios, o Concello de Porriño foi elixido como a mellor institución pública pola súa aposta polo deporte feminino, e nesta ocasión, prestouse como entidade colaboradora para a organización da terceira gala, tras celebrase a primeira en Pontevedra e a do ano pasado en Ames.
O alcalde Nelson Santos e o concelleiro de Deportes M. Alejandro Lorenzo móstranse moi satisfeitos de que Porriño acolla a celebración dun evento destas características cuxo obxectivo é darlle visibilidade ao deporte feminino e lograr que os seus éxitos sexan recoñecidos pola sociedade. Ademais, dous dos 12 galardóns que se entregarán na tarde do sábado quedarán en Porriño: Abel Estévez, do Balonmán Porriño e seleccionador galego feminino, foi elixido como mellor adestrador do ano 2013; e a empresa Godoy Maceira SL, patrocinadora do Balonmán Porriño, será premiada como a entidade privada máis colaboradora co deporte feminino.











