O orzamento municipal de Riveira ascende a 22,38 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+

22.385.011,76 euros. Esa é a cifra global do Orzamento Municipal de Riveira para 2014, o que representa unha subida do 1,04% con respecto ao importe do exercicio anterior. O alcalde Manuel Ruiz presentou hoxe este documento, ao que cualificou de “riguroso, austero, realista, socialmente sensible e orientado ao emprego, dinámico e adaptable”.

Na súa intervención, o rexedor municipal destacou a significativa redución da débeda viva do Concello rexistrada este ano que, cun descenso de 1.127.689 euros (o 11,87%), sitúase no 44,26%, “un dos niveis máis baixos da nosa historia”.

Igualmente, salientou os incrementos presupostarios referentes en primeiro lugar aos servizos sociais, cuxa partida rexistrou un aumento do 8,72%. A este respecto incidiu nas subidas experimentadas en apartados concretos como atencións benéficas (un 20%) ou persoas dependentes (un 11,4%; só neste apartado aumentaron as axudas en 60.000 euros dende 2012).

Tamén fixo fincapé en que, pese a non ser unha competencia municipal, a partida dedicada ao emprego se incrementou nun 80%, debido sobre todo á posta en marcha dun obradoiro de emprego e á creación dun viveiro de empresas. O alcalde aludiu así mesmo a outras iniciativas coas que o Concello está dando traballo a veciños en paro, como a posta en marcha dun plan de emprego local que vai dar traballo temporal a máis de 70 persoas (en labores de socorrismo, limpeza de praias, atención turística, etc…), aos que se sumarán novas accións dirixidas á inserción laboral de cinco persoas que están a percibir o Risga e á próxima solicitude dun proxecto de educación dual do que se beneficiarán 30 persoas da comarca.

En termos xerais, Ruiz Rivas manifestou que os orzamentos de 2014 evidencian que a Administración Municipal de Riveira está a sortear a crise do mellor dos xeitos, cuns ingresos correntes que se sitúan en niveis semellantes aos anos anteriores á mesma e que permiten realizar importantes inversións.

Polo que se refire ao apartado de gastos, Ruiz Rivas manifestou que o capítulo de persoal representa o 27,82%, rexistrando un lixeiro incremento do 1,03% en relación ao ano pasado que se explica unicamente pola necesidade de incluír as retribucións dos alumnos do obradoiro de emprego.

En canto o capítulo de gasto corrente, supón o 42,05% do total, o que, pese a significar un aumento do 4,33%, denota a eficacia na política de contención do gasto ao ter que afrontar a subida do IVE; a revisión dos contratos de auga, lixo e alumeado e, sobre todo, o canon de Sogama.

Investimentos

Os capítulos orzamentarios dedicados a investimentos ocupan o 20,31%, ascendendo a 4.515.472 euros: unha contía “altamente significativa” que vai supoñer que nestes catro anos as distintas administracións realizaran en Riveira inversións por valor cercano aos 100 millóns de euros.

Algúns dos investimentos incluídos son:

– Subministración e instalación dun sistema de control de accesos nas rúas peonís Galicia e Santa Uxía (99.313,76 euros)
– Instalación semafórica na intersección das rúas Listres e Castelao en Aguiño (36.000)
– Saneamento no lugar de Sobrido en Oleiros (401.130,80)
– Saneamento no lugar de Casanande en Olveira (210.949,94)
– Renovación de servizos e renovación en rúa da Concha e transversal en Castiñeiras (136.730,71)
– Saneamento e rede de pluviais no camiño do cemiterio de Corrubedo (62.262,55 euros)
– Proxecto “Riveira, entornos saudables” (actuación San Roque e Pedra da Ra) (375.000)
– Instalación de pistas multideporte e remodelación de parques infantís en Artes e Castiñeiras (Fonterramil) (104.800)
– Acondicionamento de parcela para circuíto de BTT en Portochouzo en Oleiros (133.712)
– Segunda fase da remodelación do campo de fútbol de Oleiros (58.000)
– Pavimentación do entorno do Cruceiro dos Remedios en Santa Uxía (61.419)
– Melloras no entorno da Capela de Carreira (106.563,91)
– Renovación de servizos e pavimentación dun tramo da rúa dos Remedios en Santa Uxía (mesmo importe: 106.563,91)
– Recuperación de camiños no lugar de Teira (43.911)
– Reposición de pavimento nas rúas Galicia, Santa Uxía e praza de Compostela (148.183)
– Rehabilitación das rúas Vionta e Insua (49.932)
– Pavimentación do entorno do Cruceiro do Outeiro (107.696,88)
– Beirarrúas Aguiño – A Graña (241.785)
– Obras menores en vías públicas (224.758)
– Acondicionamento da planta baixa do Concello para Servizo de Atención Cidadá (68.101)

Aforros bruto e neto

Manuel Ruiz informou de que para o pago da débeda se dedica unicamente un 6,22%, o que “dá conta da estabilidade e a boa saúde financieira do concello”, algo que se ratifica cos parámetros do aforro bruto (4.233.703 euros) e o aforro neto (2.452.660 euros).

Finalmente, declarou que o plan económico-financieiro está cumpríndose e conta co informe favorable do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, mentres que o plan de estabilidade rexistra 400.000 euros de mellora.

Este orzamento será sometido á consideración da corporación no pleno ordinario do vindeiro luns.

24 de xuño de 2014 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.