O Hostal dos Reis Católicos foi escenario da presentación da XV Regata Ramiro Carregal Rei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPorto do SonRiveiraSantiago de Compostela
A-
A+
Presentación da regata

Presentación da regata

O Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, foi o marco de presentación da XV Regata Ramiro Carregal Rei, travesía velística da gran cita que premia de maneira especial ao Trofeo Faro de Corrubedo.

Organizada polo Real Club Náutico Portosín, coa colaboración do Club Náutico e Deportivo de Riveira e a Federación Galega de Vela, está destinada á clase cruceiro, utilizándose como sistema de medición o ORC e ORC Club.

O acto estivo presidido por Ramiro Carregal Rei, ao que acompañaban membros das xuntas directivas dos clubs organizadores, sendo o encargado de pechalo Fernando González, presidente do Real de Portosín.

Formaranse tres divisións oficiais, sendo os Grupos 1 e 2 os máis numerosos da flota.

O Top de saída na auga darase o sábado 28 de xuño ás 12.00 horas do mediodía, cun trazado costeiro entre Riveira e Portosín, con navegación libre optando os veleiros, con toda probabilidade, tentar acurtar a derrota polo coñecido Paso de Sagres, que evita a navegación externa pola Illa de Sálvora.

Beleza paisaxística polo litoral galego, percorrendo zonas tan espléndidas como as dunas de Corrubedo, o seu Faro, que lle dá nome ao Trofeo, e chegada no interior da Ría de Muros-Noia.

Tras a xornada inicial, utilizando a estratexia dos navegantes de cada barco, dáse paso á técnica o domingo 29, con dous barlovento-sotavento, tamén, ás 12.00 horas, polo interior da ría que baña a localidade portosinense.

Os organizadores prevén a participación dunha trintena de veleiros sumando a totalidade do tres Grupos, que serán determinados en función da súa eslora e capacidade vélica.

O gran vencedor da xeral da edición disputada o pasado ano foi A Rabuda Un, patroneado polo presidente do Real Club Náutico Portosín, Fernando González.

O acto tamén foi aproveitado para presentar a Regata Frinsa, que se celebrará este sábado 21 de xuño, en xornada única, polo interior da Ría de Arousa.

13 de xuño de 2014 | 11:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.