O autor Gonzalo Hermo gaña o primeiro concurso de poesía Centro Recreativo de Artes
O autor Gonzalo Hermo González (Taragoña, 1987) resultou o gañador na categoría de maiores de 18 anos do Primeiro Concurso de Poesía Centro Recreativo de Artes: unha iniciativa promovida por esta entidade coa colaboración do Concello co fin de divulgar o exercicio desta arte literaria na comarca barbanzana.
Preto de 200 veciños acudiron o pasado sábado a presenciar o fallo público e entrega de galardóns dun certame dividido en catro categorías. Entre outros, o acto contou coa presenza do alcalde Manuel Ruiz, da concelleira Elvira Pisos; de Manuel Reiriz, presidente do Centro Recreativo de Artes; da xefa do servizo de Normalización Lingüística, Alicia Padín; e do arquiveiro municipal José Antonio Otero.
Foi este ultimo quen deu lectura á acta do xurado, formado por Manuel Cartea, Antonio Piñeiro e Alicia Padín, sendo o propio Otero secretario do mesmo.
Gonzalo Hermo obtivo o primeiro premio na categoría de autores de máis de 18 anos polo seu poema “O Pracer” (recolleu os 1.000 euros do premio o pai do gañador), mentras que o segundo posto foi para Eli Ríos por “Diario de fotogramas” (premio en metálico de 800 euros) e o terceiro para Alicia Fernández Rodríguez por “Inventario do devezo” (500 euros).
Lectura poética
Na categoría de 15 a 17 anos houbo unha única gañadora: a coruñesa con raíces de Corrubedo Sabela Rodríguez Reino, quen acadou esta distinción (recoñecida cun vale para material escolar por valor de 150 euros) polo seu poema “Oposicións para poeta”. Sabela Rodríguez interviu activamente no acto do sábado dando lectura a tres das súas composicións, entre elas a galardoada. Nesta categoría, o segundo e o terceiro posto quedaron desertos.
En autores con idades de 12 a 14 anos, o gañador foi Pablo Pardavila por “Verbas sen son”, seguido de Noelia Santiago por “Cando chega a primavera” e de Clara Romano por “A liberdade esquecida”.
Finalmente, en autores de 9 a 11 anos, clasificaron nos tres primeiros postos Abel Sanlés (“A noite”), Miriam Pérez (“A miña vida”) e Lucía Oujo (“A cegoña”).
En ambas modalidades os gañadores foron agraciados por vales por material escolar valorado en distintas contías, ademais dunha placa conmemorativa.
O acto, no que cada asistente recibiu un libriño con todos os poemas premiados, contou coa intervención musical do grupo de gaitas de Artes.











