O alumnado adulto do taller de pintura 2 NN D’Arte expón as súas obras no centro cultural de Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Inauguración da exposición

Inauguración da exposición

As concelleiras de Cultura, Teresa Veloso, e de Educación, Ana Martínez, acompañaron onte pola tarde aos profesores e artistas Nito Pereiro e Nuria Vilanova na inauguración da exposición de traballos do taller 2 NN D’Arte, nun acto no que tampouco faltaron os propios protagonistas, os autores dos lenzos expostos, arroupados por familiares, amigos e veciños.

Tras a mostra das obras do alumnado máis novo, o hall do centro cultural de Porriño acolle agora a exposición dos adultos que se compón de 17 óleos sobre lenzo entre os que hai algún retrato e dúas obras orixinais, nun deles represéntase á fonte do Cristo e noutro á Virxe da Roca de Baiona.

Felicitando a todos os participantes, Veloso subliñou que “é unha honra para Porriño contar con persoas como vós, interesadas en gastar parte do voso tempo na arte e a cultura”.

A mostra onte inaugurada é o resultado do realizado durante as tardes dos luns e mércores no Multicentro de Torneiros. Trátase neste caso do grupo de maiores composto por 14 persoas, tendo a máis moza 19 anos e o maior máis de 65.

A exposición permanecerá aberta ao público até o próximo día 28 deste mes de xuño. Calquera persoa que pase polo Centro Cultural de Porriño, simplemente con asomarse, poderá observar estes traballos que colgan das paredes do hall do edificio, lugar o cal, “desde o Concello vímolo moi apropiado e axustado para acoller exposicións deste tipo”, sinalaba Veloso.

Con este acto, Nito Pereiro e Nuria Vilanova clausuran o curso de pintura dándolle o parabén a todo o alumnado, á vez que anuncian a súa continuación, como cada ano, no mes de outubro.

18 de xuño de 2014 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.