Multitudinaria asistencia á inauguración da mostra “A historia da memoria” do escultor rianxeiro Che Tembra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+
Detalle da exposición

Detalle da exposición

Numerosas persoas déronse cita no serán de onte no Centro Cultural Lustres Rivas para asistir á inauguración da exposición “A historia da memoria”, do escultor rianxeiro Che Tembra, que forma parte da programación do Xuño da Cultura e as Artes.

Esta mostra está composta por 45 obras creadas en madeira con ferro, estano, bronce e outros materiais, nas que o artista barbanzán recrea coa súa particular mirada determinados iconos e personaxes históricos do galeguismo, como Castelao ou Luís Seoane. Estará aberta ata o 28 de xuño.

O evento contou coas intervencións do alcalde Manuel Ruiz, do vicepresidente da asociación Barbantia (a promotora da organización da mostra), Manuel Cartea; e do propio artista; ademais de Elvira Pisos, concelleira de Cultura que se encargou de introducir o acto e salientar que máis de 2.000 persoas pasaron xa pola sala de exposicións da instalación cultural dende que esta fora inaugurada hai un ano.

Cartea trazou un dinámico repaso pola historia da escultura, con especial detemento no século XX, no que se incorporaron novos materiais e técnicas ás que o propio Che Tembra se adscribe. Neste senso, a siderurxia, a ensamblaxe e a oxidación son fundamentais no traballo de Tembra. Cambra definiu á obra deste como esencialmente figurativa, “arte comprometido e cunhas mensaxes recoñecibles do pasado e do presente, esculturas cadros, lenzos en ferros”.

A continuación falou o propio Che Tembra, quen nun lacónico discurso se amosou “moi contento” por esta exposición e convidou á xente a contemplar a súa obra.

Por último, o alcalde Manuel Ruiz manifestou que os barbanzáns podemos presumir de ter unha cultura realmente “rica, con xente que sabe facer as cousas moi ben en cantas expresións artísticas signifiquen cultura”.

Catálogos

O acto, que tamén contou cunha actuación de música de gaitas tanto ao principio como ao remate da quenda de intervencións, concluíu coa entrega de catálogos aos asistentes. Entre os memos figuraban membros da Corporación riveirense (Emilio Pérez, Aroa Fernández, Víctor Reiriz, Xosé Antonio Vázquez, Xosé Antón Parada…), artistas (Maralla, Nuco Losada, Antonio Pérez…), o alcalde de Rianxo Adolfo Muíños ou representantes da vida local como Magdalena Bringas.

12 de xuño de 2014 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.