Mellora dunha estrada de acceso á parroquia porriñesa de Chenlo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O alcalde do Concello de Porriño Nelson Santos e o concelleiro e alcalde pedáneo da Entidade Local Menor de Chenlo M. Alejandro Lorenzo desprazáronse esta mañá a Chenlo para comprobar a situación actual da execución dunhas obras de ensanche e mellora da estrada provincial 2404 de acceso a esta parroquia. Xunto a eles acudía tamén Manuel González Juanatey, director de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra e persoal da empresa adxudicataria dos traballos.

As obras supoñen a modificación do trazado da estrada e o ensanche da mesma en dous tramos, en Canadelo e na contorna da igrexa parroquial, co obxectivo de mellorar a seguridade e adecuar estas zonas ao estado actual do resto da estrada, que xa foi obxecto de melloras e atópase en boas condicións. Desta maneira, está a actuarse nun tramo de 265 metros de longo desde a intersección coa EP-2403 pasando polo núcleo de Canadelo e noutro de 495 metros, próximo á igrexa. En ambas as localizacións a estrada dotarase de dous carrís de tres metros cada un e beirarrúas de 50 centímetros. Ao final da vía, na contorna da nova casa reitoral, a beiravía da marxe dereita alcanzará os 2,5 metros de ancho para facilitar o xiro e o estacionamento de autobuses. Así mesmo, na visita desta mañá considerouse a reconstrución dun muro nas inmediacións do novo centro cultural.

O proxecto afecta a catorce parcelas que suman un total de 1.107 metros cadrados e inclúen tres alpendres que haberá que retranquear, ademais dalgunhas plantas ornamentais; cinco postes de pedra; tres portais de chapa; dous muros; dúas árbores; 75 metros emparrados e 25 cepas. Desde o Concello, o alcalde sinala que se colaborará no proxecto coa reposición das diversas canalizacións que ven afectadas as obras, así como tamén asumirá outras melloras en viarias secundarios da parroquia.

A Deputación de Pontevedra aprobou a finais de marzo a adxudicación destas obras á empresa Narom nun concurso no que se presentaron 12 entidades cun orzamento de 260.971 euros, o que supón unha baixada de case o 16% sobre o orzamento de licitación inicial.

16 de xuño de 2014 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.