Medio centenar de nenos actuarán no festival de fin de curso da Escola Municipal de Ballet
Un total de 51 rapaces -49 nenas e 2 nenos- actuarán este domingo ás 20.30 horas no Auditorio Municipal nun Festival de Fin de Curso que servirá de corolario ao curso 2013-2014 da Escola Municipal de Ballet.
A concelleira de Xuventude, Aroa Fernández, e a profesora Cristina Riveira explicaron hoxe o contido do evento nun acto no que estiveron acompañados dunha das bailarinas que participarán no espectáculo do 8 de xuño, María Vizcaya, de 17 anos de idade.
O festival combinará o estilo máis clásico con outro de corte máis teatral. O seu programa comezará cos máis pequenos da escola, que interpretarán dúas pezas: “Divertimento” (de Darius Milhaud) e “Marcha” (de Gottschalk). A continuación subiranse ao escenario as maiores coa obra “Xoias” (con coreografía orixinal de George Balanchine adaptada por Cristina Riveiro), que se divide en tres partes: “Esmeraldas” (con música de Gabriel Fauré), “Rubís” (de Stravinsky) e “Diamantes” (construída a partir dunha sinfonía de Tchaikovsky).
Despois os de idade intermedia bailarán sobre a base do coñecido tema “Supercalifragilisticoexpialidoso”, con dirección musical de Richard M.Sherman e Robert B. Sherman, para finalizar cun extracto da banda sonora de “El Príncipe de Egipto” (con música de Hans Zimme e cancións de Stephan Schwartz), no que a propia Cristina Riveiro acompañará a un grupo de alumnos da escola.
Tanto Cristina Riveiro como Aroa Fernández quixeron animar á xente a presenciar este espectáculo, cuxa entrada será como sempre gratuíta, podéndose retirar media hora antes do inicio da función.











