Máis de 300 persoas competirán no II Tríatlon Concello do Porriño

Presentación do II Tríatlon Concello do Porriño
Un novo acontecemento deportivo chega este sábado, 7 de xuño, á vila do Louro. Por segundo ano consecutivo celébrase o II Tríatlon Concello do Porriño Tui-Porriño para o cal xa están inscritas máis de 300 persoas, entre profesionais e afeccionados. Esta era a cifra que se deu a coñecer na presentación oficial do acto que tivo lugar esta mañá na Casa Consistorial porriñesa e á que asistiron o alcalde Nelson Santos, os concelleiros de Deportes do Porriño e Tui, M. Alejandro Lorenzo e Nicolás Lorenzo, respectivamente; Daniel Benavides, delegado provincial de Deportes da Xunta de Galicia; Marta Igrexas, deputada provincial; Luís Piña, vicepresidente e director técnico da Federación Galega de Tríatlon; Anita Sánchez da Comandancia Naval de Tui; os triatletas Fernando Alarza, María Ortega e unha representación de integrantes do Club Atletismo Porriño, que conxuntamente co Club Ciclista Spol participan na organización do evento. A todos eles, Santos e Lorenzo agradeceron a súa colaboración, así como tamén aos diferentes patrocinadores e ao importante grupo de voluntarios que, xunto coa Policía Local e Protección Civil, consegue que todo se desenvolva segundo o previsto, e é que, como ben apuntaba o concelleiro de Deportes do Porriño “o tríatlon é un evento complexo que require un importante esforzo e traballo, tras o cal chegan logo os éxitos”. No mesmo sentido expresábase Piña quen aseguraba que “a sensación é que esta proba, no pouco tempo que leva, apunta moi alto; existe unha gran expectativa xerada entre os deportistas”. Un interese que se reflicte no número de inscritos que onte pasaba xa os 300, cifra superior aos 283 participantes da primeira edición e á espera aínda de que se pechen oficialmente as inscricións esta medianoite.
En representación da Xunta e a Deputación, Benavides e Igrexas felicitaron ao Porriño polo seu bo facer en materia deportiva, un recoñecemento que se materializou hai uns meses co premio ao mellor concello de Galicia promotor do deporte.
750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 de carreira a pé
A proba dará comezo ás 16.30 horas coa saída situada en Tui, onde se efectuarán 750 metros a nado no río Miño, a continuación dará comezo a carreira ciclista de 20,2 quilómetros de percorrido pasando por Ribadelouro, Mosende, Pontellas, Torneiros, Velódromo municipal e con fin na rúa Domingo Bueno, onde haberá a transacción para empezar coa carreira a pé, dun total de 5 quilómetros, que transcorrerá por diferentes rúas do centro urbano, coa meta instalada na praza Arquitecto Antonio Palacios.
Competirán catro categorías: cadete, junior, absoluta e veteranos, para as cales haberá primeiro, segundo e terceiro premio, ademais do trofeo local, masculino e feminino.
A recollida de dorsais é o propio día da proba, no centro cultural do Porriño de 13.30 a 15.15 horas.
Mini Tríatlon
O Concello do Porriño tamén pensou nas categorías infantís, organizando para os máis pequenos da casa un Mini Tríatlon. Será, pola mañá, a partir das 13.00 horas, podendo participar nenos de entre 6 e 10 anos acompañados sempre dun adulto. “Ambos terán que nadar 25 metros na piscina municipal, a continuación percorrer en bicicleta 700 metros e, finalmente, correr a pé 300 metros”, explica M. Alejandro Lorenzo, concelleiro de Deportes. A inscrición é gratuíta e pode realizarse até este xoves, día 5, nas dependencias da piscina municipal.











