Máis de 200 escolares descobren as bondades do aceite na feira Semana Verde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Escolares na cata de aceites Baena

Escolares na cata de aceites Baena

Máis de 200 rapaces de primaria e infantil da comarca do Deza visitaron esta mañá a 37ª edición da feira Semana Verde de Galicia para participar en distintas actividades de certame, o maior de mostras e ocio do noroeste peninsular.

Destes nenos, 114, de ambos centros, formaron parte dunha cata de aceite de oliva celebrada no marco do salón de alimentación Salimat, o cal se leva a cabo de forma paralela á Semana Verde. Conducida polo secretario xeral do Consello Regulador da Denominación de Orixe de Aceite de Oliva Baena, José Manuel Bajo, esta actividade mostrou a estes nenos de entre primeiro e sexto de primaria as bondades do aceite de oliva, ademais de descubrir curiosidades deste produto.

Baixo o lema “O zume que se come”, o seu obxectivo era achegalos a este produto e mellorar os seus hábitos alimentarios a través dunha actividade lúdica.

En distintos grupos os máis de 200 rapaces asistentes tamén visitaron Festur ( I Feira de Festas de Interese Turístico), participaron nos talleres de natureza e arqueoloxía da Dirección Xeral de Conservación da Natureza ou coñeceron as razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción presentes no pavillón de gandería, as cales suman 700 Galiñas de Mos e 250 exemplares das razas bovinas (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa), da Cabra e Ovella Galegas, do Porco Celta e do Cabalo de Pura Raza Galega.

Mañá acudirán outros 552 escolares

Na xornada de mañá tamén acudirán á Semana Verde 552 nenos de distintos centros escolares do Deza. Estes participarán durante a mañá en distintas actividades e verán parte da exposición da feira, a cal se celebra ata o domingo no recinto Feira Internacional de Galicia.

12 de xuño de 2014 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.