publicidade hoxe

Invístense preto de 40.000 euros en Pazos de Borbén para mellorar o camiño do Galleiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPazos de Borbén
A-
A+
Bravo Bosh na visita a Pazos de Borbén

Bravo Bosh na visita a Pazos de Borbén

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo alcalde da localidade, Andrés Iglesias, e polo xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar, Miguel Pérez Dubois, visitou esta mañá o camiño do Galleiro, na zona de Nespereira, en Pazos de Borbén, para comprobar as obras de mellora que se están a executar ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Coma explicou Bravo Bosch, o departamento que dirixe a conselleira Rosa Quintana resolveu a concesión da axuda solicitada polo Concello de Pazos de Borbén ao abeiro do Plan Marco para executar a mellora da plataforma e asfaltado do camiño do Galleiro, en Nespeira.

O investimento da obra chega case aos 40.000 euros (39.553,09 euros), sendo a cantidade subvencionable pola Administración autonómica de 32.688,50 mentres que o goberno local faise cargo do resto, que corresponde ao pago do IVE.

A obra xa está rematada e, concretamente, reforzouse o firme nunha lonxitude de 700 metros por 4 de ancho con aglomerado en quente tipo D-12 de 6 centímetros de espesor cun varrido previo incluíndo tamén a limpeza de cunetas.

En definitiva, a través de distintos programas de axudas ao medio rural, o Concello de Pazos de Borbén recibiu nos últimos anos preto de 166.000 euros para diversas actuacións en zonas rurais do municipio.

Preto de 600.000 euros para a área de Vigo

A través deste programa, a Xunta de Galicia destina preto de 600.000 euros (598.509,06) para levar a cabo ao redor de 30 actuacións en camiños e estradas rurais dos 14 concellos que forman parte da área territorial de Vigo.

O Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014 ven a ser unha continuidade do anteriormente coñecido Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM) e lévase a cabo mediante axudas convocadas pola Axencia de Desenvolvemento Rural de Galicia (Agader) dirixidas ás entidades públicas locais. Deste xeito, as actuacións que se enmarcan neste programa teñen coma finalidade que a totalidade dos concellos de Galicia se beneficien da mellora das súas infraestruturas básicas incidindo na mellora da calidade de vida da súa poboación rural. O obxectivo é realizar actuacións de ampliación, mellora ou mantemento de camiños de titularidade municipal na procura de mellorar os accesos e a comunicación, permitindo incrementar a calidade de vida das zonas rurais e contribuíndo á fixación da poboación no rural e á diversificación económica.

Nos últimos anos, o investimento dedicado ás infraestruturas no eido rural para o ámbito da delegación territorial de Vigo achegouse aos 3 millóns de euros e as actuacións nos 14 concellos centráronse en mellorar as infraestruturas viarias, no acceso a explotacións, reposición de capa de rodaxe, adecuación de camiños e mellora de abastecementos de auga e saneamentos.

30 de xuño de 2014 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.