publicidade hoxe

Galiforest exhibe maquinaria e recambios forestais cun valor próximo aos 14 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónSilleda
A-
A+

O III Monográfico Forestal Internacional para o Sur de Europa, Galiforest 2014, organizada pola Feira Internacional de Galicia no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), exhibe na súa área expositiva, dende onte e ata mañá, maquinaria forestal e pezas cun valor próximo ao 14 millóns de euros.

No monte que conforma a área de exposición de Galiforest están presentes máis de 200 máquinas, podendo verse, entre outras, autocargadores, procesadoras, astilladoras, raxadoras, trituradoras, grúas, máquinas telescópicas, desbrozadoras, motoserras, taladoras, destoconadoras, arrastradores, compactadores de biomasa, remolques e tractores forestais, bombas e sistemas contra incendios e ferramentas de medición forestal. As procesadoras e os autocargadores son as que acadan valores máis altos.

A elas súmanse centenares de repostos e accesorios presentados por diversas firmas, ademais de plantas forestais, diversos servizos orientados ao sector, asociacións ou prensa técnica.

Moitas das máquinas presentes están a realizar exhibicións no marco deste monográfico Galiforest 2014, o cal acollerá máis de 100 demostracións ao longo dos seus tres días de duración, entre elas, de corte, derribo, desembosque, raxado de madeira, astillado, triturado, procesado, poda e tala en altura ou carga e descarga Algunhas delas estanse a realizar nunha área arborada habilitada para elo e outras nas propias parcelas dos expositores.

Esta terceira edición de Galiforest pechará mañá as 20:00 horas tras convertese nun punto de encontro do sector forestal.

 

27 de xuño de 2014 | 15:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.