Dez auxiliares de Policía Local reforzan a seguridade en Riveira ata finais de setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Un total de dez auxiliares de Policía Local –nove homes e unha muller- principiaron este mes o seu labor no municipio de Riveira, co propósito de reforzar o servizo ata finais do mes de setembro.

Os dez integrantes tiveron que superar previamente un proceso selectivo e pasar polas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública na Estrada para realizar o pertinente curso (salvo aqueles que xa o fixeron en anos anteriores).

Corrubedo e Aguiño

Os novos membros efectuarán labores de vixilancia e control da seguridade do tráfico. Unha significativa novidade derivada do aumento de efectivos reside en que se potenciará a presenza policial en parroquias que, no período álxido da época de verán, acostuman rexistrar un incremento exponencial tanto no número de residentes como de visitantes que se achegan en automóbil para disfrutar dos encantos destes núcleos. É o caso de localidades como Corrubedo ou Aguiño, en que esta afluencia masiva de persoas ocasiona moitas veces problemas de tráfico.

A primeira hora de hoxe, os axentes tiveron oportunidade de reunirse no Consistorio co alcalde Manuel Ruiz, nun acto no que tamén estiveron o concelleiro de Seguridade Cidadá, Víctor Reiriz, e o xefe da Policía Local, Pedro Fernández. Ruiz Rivas desexoulles unha frutífera experiencia neste servizo.

 

3 de xuño de 2014 | 20:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.