Deteñen ao presunto autor dunha trintena de furtos en vehículos estacionados nas inmediacións de colexios
A Garda Civil detivo a JG.C.S., de 33 anos de idade e veciño de Vilagarcía de Arousa, como suposto autor de 32 furtos en interior de vehículos estacionados nas inmediacións de centros de educación infantil e gardarías situadas en distintos concellos de Pontevedra e A Coruña.
O mes de marzo detectouse un incremento no número de furtos no interior de vehículos nas inmediacións de varios colexios e gardarías. En todos os feitos coincidía o mesmo modus operandi: o autor dos furtos preséntase nas inmediacións dos centros de educación infantil á primeira hora da mañá ou ao medio día e aproveita para subtraer os bolsos, teléfonos móbiles, portátiles e outros efectos que as vítimas adoitan deixar á vista, cando os pais deixan o turismo aberto mentres levan ou recollen aos seus fillos.
Para previr a comisión de novos furtos e localizar ao autor, a Garda Civil do Posto Principal de Cambados intensificou as vixilancias nos centros educativos, especialmente nos horarios de maior risco, comprobándose que moitos pais deixaban, mesmo, as portas abertas do vehículo e coas chaves no contacto, durante os minutos que tardaban en levar ou recoller aos seus fillos.
En base ás investigacións realizadas púidose localizar ao presunto autor dos feitos e o vehículo que adoita utilizar para desprazarse a distinto puntos da comunidade autónoma.
Finalmente, o pasado día 26 de maio, procedeuse á detención do suposto autor a quen se lle imputa un total de 32 furtos en interior de vehículos, cometidos durante os meses de marzo, abril e maio do presente ano en colexios de varios concellos desta provincia: Barro, Ribadumia, Moraña, A Estrada, Cambados, Meis, Cangas do Morrazo, Lalín e Silleda.
Esclarecéronse outros feitos similares labores en distintos municipios da provincia da Coruña: Boiro, Rianxo, Ames e Teo.