Conde destaca as oportunidades do sector agroalimentario e a biomasa para o rural galego

Francisco Conde na visita á Semana Verde
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe a Feira Internacional Semana Verde de Galicia onde destacou as posibilidades que o sector agroalimentario e a biomasa ofrecen ao rural galego. Neste sentido, Conde subliñou a oportunidade que ofrece a esta industria a Estratexia Integral de Impulso da Biomasa, cuxa liña de axudas para a implantación de caldeiras tivo unha “inmellorable acollida” ao esgotar xa os 9,3 millóns de euros cos que contaba, impulsando a implantación dun millar de caldeiras nos fogares e industrias do rural galego.
Conde, que visitou o stand co que conta o Inega para dar a coñecer as potencialidades deste combustible, resaltou que, deste xeito, o Goberno galego avanza nunha Estratexia que busca poñer en valor o monte galego, fixando emprego no rural, creando unha industria xeradora de riqueza, e contribuíndo á prevención dos incendios forestais. A través dela, aspírase a diminuír a dependencia enerxética do exterior, o que suporá un aforro económico de 70 millóns anuais, promovéndose o emprego dun combustible galego, barato e limpo.
Esta aposta pola biomasa, apuntou Conde, repercutirá tamén en beneficio do sector agroalimentario, un dos grandes motores da economía galega ao sumar o 10% do emprego total da Comunidade. Por este motivo, incidiu, nos últimos cinco anos, a Consellería ten impulsado distintos programas e actuacións que están a mobilizar 65 millóns de euros nesta industria.
Así, o conselleiro avogou pola calidade, a innovación e a internacionalización como piares sobre os que sustentar o crecemento do sector agroalimentario. Conde apuntou que a calidade das materias primas de Galicia é un factor diferencial. Neste sentido, a Xunta traballa nun novo plan que impulsará as potencialidades dunha marca que revaloriza os produtos galegos nos mercados nacionais e internacionais.
Este compromiso coa calidade repercute tanto no incremento experimentado polas exportacións no sector que, con 4.000 millóns, supoñen o 13% do total da Comunidade, como na aposta pola innovación, que representa o 6% de todo o gasto da industria agroalimentaria.
Neste contexto, o Goberno galego mantén a súa aposta pola tecido industrial galego a través de distintos servizos e programas de apoio á actividade empresarial, entre as que destacou o Galicia 1000 co que a Xunta apoiará 1.000 novos proxectos empresariais mobilizando 200 millóns de euros.











