Charla sobre as apostas durante a adolescencia en Riveira
“Adolescentes e apostas: unha moda perigosa” é o nome da charla que no marco do Xuño da Cultura e as Artes vai ter lugar mañá no Centro Cultural Lustres Rivas. Esta interesante proposta está promovida polo Instituto de Mediación Educativa de Riveira e será desenvolvida pola Asociación Galega de Xogos de Azar. Principiará ás 20.30 horas e a entrada será gratuíta.
Outra das actividades dignas de mención é a segunda e última xornada do Festival de Curtametraxes de Riveira Cortoespaña, que dará comezo no Auditorio Municipal a partir das 21 horas. Nesta ocasión, serán proxectados os seguintes filmes: “La cicatriz”, “El tío”, “De noche y de pronto”, “Pa´la derecha”, “Cólera”, “El ladrón de caras”, “Fired on call”, “Un dia de éstos” e “El ritmo en sus venas”. Os asistentes terán oportunidade de votar a mellor curta ao final da sesión e o filme gañador será proxectado en Madrid, na fase final, para elixir a mellor curtametraxe de España.
Serán tradicional
Cómpre destacar igualmente a nova oferta cultural que trae o bar Brétema. Nesta ocasión, un Serán Tradicional que se desenvolverá entre as 21.00 e as 00.00 horas.
Completan o día unha xornada de portas abertas no Centro de Interpretación Arqueolóxica no Parque de San Roque (de 11.30 a 13 e de 16 a 18 horas), a exposición sobre o XIII Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo que se está a exhibir no Centro Cultural Lustres Rivas (de 10 a 14 e de 17 a 19 horas) e a mostra “Versións de Vanguarda2 que se exhibe dende hoxe na Casa da Xuventudea iniciativa do colexio Galaxia (9 a 14 horas).











