Catorce importadores e distribuidores de sete países buscarán propostas alimentarias en Salimat

Encontro Salimat 2013
O 18º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat 2014, o cal se celebrará de forma paralela á Semana Verde de Galicia do 12 ao 15 de xuño, reunirá nos seus Encontros Internacionais e Nacionais de Compradores a catorce importadores e distribuidores alimentarios de 7 países con gran interese como destino para os nosos produtos.
Alemaña, Xapón, Italia, México, Australia, Rusia e España será os lugares de procedencia destes compradores, os cales se reunirán cos expositores do salón durante os dos primeiros días do mesmo. Será en encontros axendados que permitirán á oferta alimentaria presente en Salimat mostrarlles directamente as súas propostas aos 18 representantes que acudirán por parte de todos estes distribuidores, supoñendo unha oportunidade única para abrir novos mercados.
Os produtos con maior interese para os compradores que acudirán ao salón son viños e aceites con Denominación de Orixe, queixos, cárnicos elaborados, conservas, mel, produtos de panadería e pastelería, froitos secos e alimentos artesán e ecolóxicos en xeral.
Compradores con gran interese
Os distribuidores tanto nacionais como internacionais participantes nesta edición destacan polo seu interese para a oferta galega presente no salón. Así, entre os tres importadores rusos que asistirán figura a maior compañía do país no segmento Horeca, entre os italianos encóntranse un dedicado exclusivamente a produtos españois, o xaponés está interesado en viños de Galicia e en entre os españois figura unha importante empresa on-line que compra directamente ao produtor.
Ademais, a participación dun importador australiano supón a presenza dun país novidoso nos Encontros de Compradores de Salimat, os cales se realizan co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e co obxectivo de contribuír á internacionalización dos produtos presentes na feira, na súa maioría galegos.
Visitas asesoradas
No seu obxectivo de potenciar a xeración de negocio, Salimat organizará tamén reunións entre as empresas expositoras e axentes do sector alimentario e gastronómico, como distribuidores ou tendas especializadas. Así, realizaranse visitas asesoradas, as cales consistirán en facilitarlles a estes profesionais e empresas que acoden á feira, e que así o soliciten, toda a información relativa aos expositores que resultan do seu interese, ademais de axudarlles a localizar a estes na feira e coordinar reunións con eles.











