As festas da Dorna e do Percebe serán promocionadas na Semana Verde de Galicia
O Concello de Riveira informa de que esta semana vai realizar unha nova acción de promoción turística consistente na súa participación na XXXVII Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que terá lugar entre os días 12 e 15 de xuño e constitúe o maior certame multisectorial en número de visitantes da Comunidade Autónoma.
Este ano, o certame que se desenvolve en Silleda, no recinto Feira Internacional de Galicia, conta cunha nova sección denominada Festur que está dirixida á promoción dos concellos que teñen nos seus calendarios algunha festa de interese turístico.
O Concello pretende aproveitar este espazo para promocionar os innumerables recursos lúdico-turísticos que atesoura o noso municipio e en especial dúas das súas festas: a XLVI Festa da Dorna e a XVIII Festa do Percebe de Aguiño.
Para tal fin, disporá dun área expositiva tipo jaima de 25 metros cadrados (5×5) situada na zona do salón FESTUR onde, entre outros atractivos, exhibiranse unha carrilana e un artiluxio de voo sen motor típicos da celebración dorneira.
Demostración de peña dorneira
Neste último aspecto, cómpre manifestar a colaboración existente entre Cofradía da Dorna e Concello para o desenvolvemento desta acción. De feito, unha peña dorneira recalará o sábado 14 no recinto silledense para efectuar, a partir das 19.30 horas, algunha demostración do que un se pode atopar na cita riveirense, como as cancións de tasca.
Tamén se considera a Semana Verde de Galicia, que congrega en cada edición a máis de 100.000 visitantes, resulta un escaparate idóneo para publicitar a próxima Festa de Percebe, que se celebrará na terceira semana de xullo con importantes novidades respecto a anteriores convocatorias.











