Adxudícase a senda mariñeira que unirá Area Secada co porto da Ameixida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

A xunta de goberno local procedeu no día de hoxe á adxudicación provisional da execución da recuperación e interpretación da senda mariñeira entre os lugares de Area Secada e o porto da Ameixida: unha das actuacións incluídas dentro do proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos Feder.

Entre as 25 propostas presentadas, a que obtivo a mellor clasificación pertence á empresa Nemesio Ordóñez, S.A. A súa oferta económica ascende a 331.780,02 euros e o prazo de execución é de 120 días. Agora, a entidade ten un prazo de 10 días hábiles dende o seguinte a que se lle notifique esta resolución para presentar a documentación que corresponde conforme ao plego de cláusulas administrativas.

O novo proxecto pretende servir de prolongación do paseo marítimo polo borde litoral que une a cidade de Riveira co Touro, outra das iniciativas do Riveira Atlántica 2015. Cunha lonxitude de 560 metros liñais, a senda mariñeira plantexada concíbese como un elemento integrador do medio costeiro-litoral no medio terrestre a través da recuperación para uso público desta franxa, cuxa abrupta orografía dificultan a accesibilidade nalgúns puntos.

O itinerario descorrerá case na súa totalidade pola zona de servidume de tránsito. Para a súa realización empregaranse distintos materiais acordes co entorno no obxecto de causar o menor impacto visual. Fundamentalmente madeira, e tamén zahorra artificial e pavimento térreo tipo Aripaq . Así mesmo, será necesario levantar diversos muros de contención nalgúns tramos.

O proxecto completarase con paneis interpretativos con información medioambiental, bancos de madeira, papeleiras abatibles de aceiro inoxidable e alcorques de fundición.

5 de xuño de 2014 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.