Actividades ao aire libre e baixo teito subscitaron o interese dos riveirenses no Xuño da Cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Atractivas actividades baixo teito e ao aire libre conxugáronse no serán de onte en Riveira no marco da programación do Xuño da Cultura e as Artes.

Así, a cidade deu cabida en primeiro lugar na súa sesión vespertina a unha flashmob protagonizada pola Coral Polifónica Municipal de Riveira. En torno ás 19.30 horas os integrantes deste conxunto concorreron á praza do Concello para sorprender aos numerosos espectadores cunha selección de zarzuelas e outros temas cos que demostraron o seu bo facer. Enrique Paisal encargouse de que todo saíra a pedir de boca.

E unha hora despois o Centro Cultural Lustres Rivas daba cabida a unha conferencia -“Querido cadáver”- na que o presidente do Club Exxpopress, Suso Souto, explicaba, apoiado con material fotográfico e audiovisual, as vicisitudes padecidas polos corpos de ilustres defuntos do século XX, como Evita Perón, Charles Chaplin, Che Guevara, Mussolini ou Rasputin. Os rexedores de Porto do Son, Boiro e Riveira figuraron entre os espectadores.

Xa a última hora de onte, a Asociación de Amas de Casa tamén ofreceu unha clase de portas abertas de zumba no CEIP O Grupo.

Exposición de Che Tembra

O Xuño da Cultura e as Artes ten entre os eventos programados para hoxe a inauguración da exposición “A historia da memoria” do artista rianxeiro Che Tembra: unha mostra que está promovida pola Asociación Barbantia e a Concellería de Cultura e Festexos. Será ás 20.30 horas e agasallarase cun catálogo a cada asistente ata esgotar existencias.

Previamente, o Auditorio Municipal dará cabida á obra de teatro “Frankenstein at the School”, coa actuación de alumnos de 5º de Primaria do colexio Galaxia. Terá lugar ás 18 horas e a entrada será libre e gratuíta.

11 de xuño de 2014 | 11:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.