Aceite de oliva en po, licor de grelos ou marmelada de sabugueiro serán algunhas das innovacións alimentarias de Salimat

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Produtos Alinova en Salimat 2013

Produtos Alinova en Salimat 2013

O 18º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat 2014, o cal se celebrará de forma paralela á feira Semana Verde de Galicia do 12 ao 15 de xuño, contará na súa área Alinova con cerca de 50 anovadores produtos alimentarios.

Esta zona diferenciada e dedicada ás innovacións, que se poderá ver durante todos os días do salón, suporá un importante escaparate para os expositores, xa que lles permitirá destacar as súas novidades tanto ante os profesionais do sector como ante o consumidor final. Nela serán cerca dunha trintena as empresas que amosarán produtos exclusivos producidos nas súas instalacións, algúns dos cales serán presentados por primeira vez ao mercado en Salimat.

Serán moitas as bebidas presentes nesta exposición, entre elas, licor de grelos, de noz ou de sabugueiro (arbusto); cremas de “mojito”, de arroz con leite ou de mandarina; infusións ecolóxicas, sidra espumosa “brut nature”, o primeiro espumoso rosado elaborado en Galicia con variedades autóctonas ou distintos viños anovadores.

As conservas gourmet e artesáns tamén estarán presentes, podéndose ver pementos de “piquillo” recheos de lorcho salvaxe en salsa de carabineiros e patés como o de centolo ou de nécora.

Entre os cárnicos estarán presentes bandexas de chourizo para o microondas, galo de curral criado ao aire libre a base de cereais producidos na propia explotación ou “burguer meat” de becerras de produción natural, mentres que entre os aceites amosarase aceite de oliva con textura de po, marcas que estrean presentacións en spray ou en “bag in box”, unha variedade “do primeiro día de colleita” e outros aceites novos.

Completarán esta innovadora mostra presente en Alinova produtos como marmelada de sabugueiro e laranxa, lamprea afumada rechea de xamón serrano e ovos cocidos en aceite de oliva virxe extra, novas galletas artesáns ou ecolóxicas ou un caldo elaborado con Galiña de Mos criada en liberdade con presentación gourmet para tomar en copa.

8 de xuño de 2014 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.