A Xunta achega 30.000 euros para as obras de mellora nos xulgados de Riveira

Belén do Campo na visita aos xulgados de Riveira
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitaron hoxe o edificio que alberga os xulgados de Riveira, ao que a Xunta ven de destinar unha achega de 30.000 euros para a realización de diversas obras de mellora.
Acompañados polo alcalde da localidade, Manuel Ruiz Rivas, Do Campo e Martín comprobaron o resultado dos traballos levados a cabo nas últimas semanas, que consistiron no reforzo da iluminación das instalacións coa colocación de 44 pantallas novas e redistribuíndo as xa existentes, na subministración e instalación dun sistema de aire acondicionado no segundo andar e na colocación de novas persianas. A actuación completouse coa instalación dun sistema de control de acceso no xulgado Penal Nº 2.
A máxima representante do Goberno galego na provincia adiantou que no próximo exercicio continuarase coa mellora dos xulgados de Riveira, coa reparación dos aleiros de madeira da cuberta, que se substituirán por placas de aluminio con acabado imitación madeira, e coa reparación e pintado das paredes e teitos deteriorados a causa das humidades.
Todas estas actuacións súmanse tamén ás xa realizadas en 2013, que consistiron na reparación da cuberta e na substitución dos canlóns, co fin de eliminar as filtracións de auga no interior do inmoble. Así, nos dous últimos anos, o investimento total por parte de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da xefatura territorial, foi de preto de 53.000 euros.
Neste senso, a delegada territorial resaltou que o proxecto de mellora enmárcase dentro do compromiso do Goberno galego coa Administración de Xustiza, de xeito que dispoña dos medios materiais necesarios para levar a cabo as súas funcións. Precisamente a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ten en marcha un ambicioso Plan de Infraestruturas Xudiciais onde se presta especial atención ao estado, mantemento e renovación das infraestruturas dos partidos xudiciais máis pequenos, como é o caso de Riveira.
Na mesma liña, o director xeral recordou que os edificios xudiciais son unha das primeiras responsabilidades do Goberno galego no eido xudicial, xa que para un correcto desempeño da labor de administrar xustiza, cómpre contar cunha rede de infraestruturas adecuada, que permita aos cidadáns percibir a prestación deste servizo público como unha organización eficaz, transparente, atenta co cidadán e adaptada ás necesidades do século XXI.











