A Universidade Menéndez Pelayo impartirá un curso de verán sobre criminoloxía e psicoloxía forense en Riveira
Como vén sendo xa habitual nos últimos anos, Riveira vai dar cabida a un novo curso de verán da Universidade Internacional Menández Pelayo. Se en 2012 o obxecto da acción era a depresión e en 2013 a delincuencia xuvenil, nesta ocasión versará sobre “Criminoloxía e Psicoloxía Forense”.
O curso terá lugar entre o 28 e o 30 de xullo no Centro Cultural Lustres Rivas, baixo a dirección unha vez máis do riveirense Gualberto Buela-Casal, presidente da Asociación Española de Psicoloxía Condutual e catedrático de Psicoloxía na Universidade de Granada.
Este curso pretende ofrecer unha formación actualizada no ámbito das peritacións psicolóxicas e da criminoloxía. As peritaxes no ámbito penal teñan unha especial relevancia polas súas consecuencias éticas, dadas as importantes repercusións que ten este tipo de práctica profesional.
Con tal motivo, relatores de primeiro nivel participarán no curso, tanto pertencentes ao mundo académico como psicólogos e xuíces, cunha alta cualificación técnica e con experiencia profesional. Así, participarán Emilio Calatayud, maxistrado xuiz do Xulgado de Menores de Granada; Ramón Arce, catedrático de Psicoloxía Xurídica da Universidade de Santiago de Compostela e presidente da Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense; José Manuel Lorenzo, Catedrático de Dereito Penal da USC; Lorenzo Morillas, catedrático de Dereito Penal da Universidade de Granada e Director do Instituto Andaluz Interuniversitario de Criminoloxía; ou o propio Gualberto Buela.
Destinatarios
No que se refire a potenciais destinarios, o curso será particularmente interesante para estudantes de Dereito e de Criminoloxía, profesionais da seguridade cidadá (policía local e nacional) ou que loitan contra a violencia de xénero, especialistas en atención a menores, etc…
O período de inscrición xa está aberto. Para máis información e matrículas, cómpre poñerse en contacto coa Secretaría de Alumnos da USC, na rúa San Francisco 27 (Fundación Luis Seoane), A Coruña (981140830, galiciasa@uimp.es)
Ademais, cabe destacar que a Deputación Provincial concede bexa para a asisttencia a estes cursos.











