A parroquia de Cepeda celebra as súas festas en honra a San Pedro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

A Parroquia de Cepeda, no Concello de Pazos de Borbén, celebra este fin de semana as súas festas patronais en honra a San Pedro. Os festexos están divididos en dúas xornadas nas que destacan as clásicas procesións nas que se engalana o santo co tradicional “milleiro”.Todas as celebracións contan cunha zona de aparcadoiro habilitada para facilitar o acceso á celebración a todos os veciños e visitantes.

Os actos comezarán o sábado ao mediodía, ao redor das 12:30 horas, cando se celebrará unha misa solemne en honra ao patrón parroquial. A continuación terá lugar a primeira das procesións na que os veciños, acompañados polo grupo de baile Solaina de Berducedo Piñeiro de Moaña, sacarán aos tres santos da igrexa, adornados coa planta do millo, a percorrer a parroquia. Ao finalizar a procesión os membros do grupo de baile moañés deleitarán aos asistentes cunha demostración de baile tradicional.

Pola noite terá lugar a gran verbena que contará coa animación musical do trío 3.com e o grupo Bahía, co cantante José Costas á cabeza acompañado da cantante mexicana Marietta. Entre os diferentes postos da celebración haberá un bar instalado pola comisión de festas no que, ao redor da medianoite, realizarase un sorteo de produtos populares.

O domingo 29 a Agrupación Sons de Castro será a encargada de renovar a celebración cos seus tradicional pasacalles. A partir das 11: 00 da mañá, percorrerán toda a parroquia de Cepeda animando aos veciños co seu amplo repertorio de cancións populares.O percorrido finalizará na igrexa parroquial onde se celebrará unha misa cantada pola coral de pensionistas de Pazos de Borbén, tras a cal, para pór punto e final á celebración, procederase a sacar novamente ao santo de procesión, esta vez acompañado polos cantos da agrupación musical Sons do castro.

25 de xuño de 2014 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.