A escola de música do Porriño abre a preinscrición para o vindeiro curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

Finaliza o curso na Escola Municipal de Música de Porriño e ábrese xa o prazo de preinscrición da matrícula para o próximo 2014/2015. Desta maneira, desde a Concellaría de Cultural do Concello de Porriño, que dirixe Teresa Veloso, infórmase a todas as persoas interesadas de que na próxima semana abrirase o período para solicitar a reserva de praza.

O alumnado que estivo matriculado neste ano académico ten de prazo do 9 ao 27 de xuño, de 17.00 a 20.00 horas nas dependencias da escola, para formalizar a preinscrición; e o que se matricula por primeira vez do 10 ao 27 do mesmo mes, co mesmo horario e lugar, tendo aínda outro período complementario do 27 de xuño ao 25 de xullo, no centro cultural de 10.00 a 20.00 horas.

As clases nas que poderán inscribirse son: música e movemento, linguaxe musical e instrumentos, incluíndose nesta última diversas modalidades: oboe, clarinete, frauta, saxofón, fagot, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba, piano, guitarra, violín, viola, gaita, violoncelo, percusión e canto. Tamén poden anotarse unicamente á coral.

Posterior á reserva de praza deberá formalizarse a matrícula no mes de setembro, para o que xa se anunciarán período, hora e lugar.

4 de xuño de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.