A carreira nocturna de Castiñeiras regresa a Riveira cun circuíto de 8 quilómetros de asfalto e terra
Este sábado día 7 terá lugar a segunda edición da Carreira Nocturna de Castiñeiras, terceira das cinco probas que integran este ano o Sétimo Circuíto de Carreiras Populares Concello de Riveira.
O concelleiro de Deportes Juan Luis Martínez e Juan Manuel Olveira Pájaro como presidente do Club Atletismo Santa Uxía presentaron unha cita deportiva que conta coa colaboración da asociación A Redonda Vella, As Miñoteiras, Asociación de Vecinos de Carreira, Protección Civil e Policía Local.
Unha das principais novidades desta segunda edición é a realización da Primeira Canicross Parroquia de Carreira, que dará comezo ás 23 horas e na que xa están inscritas vinte persoas: entre elas, Alejandro Gómez, gañador o pasado marzo en terras de Teira (Corrubedo) da Primeira Copa Concello de Riveira nesta especialidade.
Ás 23.15 horas dará comezo a proba popular absoluta sobre un circuíto mixto de oito quilómetros, dos cales un 60% descorren sobre asfalto e o 40% restante sobre terra.
Juan Manuel Olveira destacou a dureza de dous tramos de gran pendente, un ao principio do trazado (no que se subirá dende o pobo de Castiñeiras ata A Fieiteira), e o outro ao final, cunha rampa moi dura no contorno da igrexa parroquial.
Así mesmo, destacou a ampla seguridade desplegada, con efectivos en todos os cruces e zonas complicadas do itinerario. É imprescindible para os corredores portar unha luz, a ser posible de tipo frontal.
De momento hai 60 persoas apuntadas á carreira popular, se ben o período de inscrición continúa aberto (pódese acceder a el a través da páxina web www.riveira.es).











