A asociación porriñesa Aceesca recibe unha subvención de 4.000 euros para un programa de lecer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

A Casa Consistorial porriñesa acolleu a entrega dunha subvención por importe de 4.000 euros á asociación Aceesca para a posta en marcha dun programa de lecer. O alcalde Nelson Santos e a concelleira de Benestar Social Teresa Veloso, acompañaron á deputada Marta Igrexas no acto no que esta lle entregou á xerente de Aceesca, Anxos Leirós, a axuda económica concedida pola Deputación de Pontevedra.

A subvención está destinada ao desenvolvemento dun programa de lecer e tempo libre, a través do cal Aceesca organiza actividades de fin de semana dirixidas aos seus usuarios adultos. Trátase dun proxecto de integración, “de maneira que os propios mozos elixen libremente como planificar o seu tempo de lecer, en xeral as noites do sábado, aínda que queren acudir a unha sala de festas, ao cine, a xogar aos birlos ou a cear unhas pizzas”, explica Leirós. Así, con esta axuda desde a asociación pon a disposición dos usuarios unha serie de profesionais que lles acompañan nestas saídas. Neste sentido, Santos felicitou a Aceesca por todo o seu traballo centrado en “a contribución a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, favorecendo a súa autonomía persoal e integración e participación na contorna máis próxima”.

O rexedor local destacou a colaboración que desde o Concello existe con Aceesca, “cooperando en todo o que estea da nosa man no relacionado ao desenvolvemento e labor diario das súas instalacións situadas en Torneiros”, no que se integran un centro educativo, para usuarios de 3 a 21 anos, un centro de día destinado a maiores de 18 anos, e un centro ocupacional, cuxa finalidade é a habilitación profesional e social de persoas adultas con discapacidade intelectual. O tres centros suman a día de hoxe 91 usuarios con discapacidade intelectual, física e sensorial procedentes non só de Porriño senón tamén doutros municipios da contorna. Por outra banda, atópase o Centro Especial de Emprego, unha empresa creada co fin de dar unha saída profesional ás persoas con discapacidade intelectual como paso previo a unha posible inserción laboral na empresa ordinaria. Aceesca Emprego, S.L. conta cun persoal de 17 traballadores, dos cales 14 presentan unha discapacidade.

Alcalde, concelleira e deputada remarcaron a sensibilidade do Concello e da Deputación de Pontevedra cos colectivos máis desfavorecidos, traducida nas diferentes axudas e partidas en materia de benestar social.

20 de xuño de 2014 | 12:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.