A asociación O Serriño ofrecerá unha xornada de portas abertas ao seu obradoiro de costura
Unha xornada de portas abertas ao obradoiro de costura da Asociación Cultural O Serriño será unha das actividades destacadas de mañá no marco da terceira edición do Xuño da Cultura e as Artes.
Baixo o título de “Entre costuras”, esta actividade terá lugar entre as 16 e as 19 horas na Casa do Mar de Aguiño (segundo andar).
Así mesmo, a asociación na Brétema ofrecerá neste establecemento hostaleiro riveirense unha degustación de viños galegos, entre as 19.30 e as 21 horas.
O Xuño da Cultura trae tamén, entre outras accións, unha xornada de portas abertas no Centro de Interpretación Arqueolóxica no Parque de San Roque (de 11.30 a 13 e de 16 a 18 horas) e a exposición sobre o XIII Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo que se está a exhibir no Centro Cultural Lustres Rivas (de 10 a 14 e de 17 a 19 horas).
“Con etiqueta”
Por outra parte, cómpre salientar que hoxe pola mañá tivo lugar a proxección do documental sobre a saúde mental “Con etiqueta” a iniciativa da asociación A Creba. O guionista e produtor do filme, Manuel Torres, foi o responsable de presentalo ante o medio de centenar de persoas que se congregaron no Auditorio Municipal. Ao rematar houbo unha charla-coloquio.











