A asociación da prensa coruñesa recolle nun libro aos xornalistas reflectidos nos rueiros de Barbanza, Noia e Sar

Presentación do libro
O municipio de Riveira foi o lugar elixido para a presentación oficial do libro “Periodistas en los callejeros de Barbanza, Noia y O Sar”, o sexto volume dunha colección impulsada pola Asociación de la Prensa de La Coruña e publicada pola Deputación Provincial.
O acto contou coas intervencións do alcalde e deputado provincial Manuel Ruiz, do presidente da Asociación de la Prensa de La Coruña, Manuel González; e da vicepresidenta da Deputación Mariel Padín. Tamén compareceron os rexedores da Pobra, Porto do Son, Rianxo, Padrón, Outes e Rois, ademais de representantes do Concello de Boiro e outros membros da Corporación riveirense, así como Magdalena Bringas, filla adoptiva.
Ruiz Rivas agradeceu ao colectivo xornalístico e á entidade provincial a oportunidade desta publicación para dar a coñecer persoas senlleiras do mundo das letras, como o propio Lustres Rivas que dá nome ao escenario se desenvolveu o acto.
Precisamente, Manuel González comezou a súa intervención agradecendo que un centro cultural reciba o nome dun xornalista. Ademais informou de que a idea de lanzar esta colección naceu no ano 2007. O primeiro libro incidiu nos xornalistas reflectidos nos rueiros da Coruña, para proseguir por Santiago, Ferrol, As Mariñas, Costa da Morte e, agora, Barbanza, Noia e Sar. O próximo estará dedicado á terra de Melide.
61 rúas
A obra contén as biografías de 39 xornalistas que están recollidos en 61 rúas das comarcas estudadas. Deles, 18 naceron na zona en si, o que denota que esta “é unha cuna de excelentes profesionais do xornalismo”.
González quixo felicitar a Riveira polo gran número de rúas dedicadas a xornalistas, tal vez coa mellor ratio de Galicia. Neste senso, informou de que a cidade barbancesa ten 24, en tanto que outras localidades moito máis populosas como A Coruña o número de rúas ascende a 70. “A mellor maneira de recoñecer o traballo dos xornalistas e doutros persoeiros é que estean vivos no nome das rúas”, afirmou.
Pola súa parte, Mariel Padín destacou a idoneidade de promover esta serie de libros para poñer en valor personaxes destacados do último século e medio, como Rosalía, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Valle Inclán ou outros como Clara Campoamor, Sofía Casanova, Carlos Montenegro, etc… Tamén destacou a importancia dos propios autores dos textos, xornalistas ou historiadores eles memos familiarizados coa vida e a obra dos escritores que reseñan.
Editáronse un total de 2.000 exemplares.











