XXX Campionato Galego Escolar de Kung fu no Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesO Porriño
A-
A+

Porriño volverá ser o escenario do Campionato Galego Escolar de Kung fu. Así, o próximo 15 de xuño o polideportivo municipal acollerá a trixésima edición desta competición que reunirá a numerosos kungfudockas na vila do Louro e cuxa organización recae, nesta ocasión, no Club León & Fam Carreira. Para a posta en marcha do evento o Concello de Porriño brindoulle todo o seu apoio, como o vén facendo con todas as competicións das diferentes modalidades deportivas practicadas no municipio, para o que formalizaron un convenio de colaboración entre ambas as entidades.

Con tal motivo, o alcalde Nelson Santos e o concelleiro de Deportes, M. Alejandro Lorenzo, acompañados do xerente de Deportes Julio Bernárdez, recibiron na Casa Consistorial a Eva Carreira e Enrique Carreira, presidenta e director do club respectivamente, para facer efectivo o acordo coa firma do mesmo. Alcalde e concelleiro felicitáronlles polo traballo e esforzo realizado desde a fundación do club, plasmado nos éxitos logrados até o momento, augurándolles moitos máis no futuro.

O Centro Deportivo León & Fam Carreira naceu en abril do 2011 aínda que o seu director xa posúe unha ampla traxectoria no mundo do kung fu. A día de hoxe, adestra a unhas 30 persoas de categoría infantil e adulto, das cales 20 participan en competicións.

A pesar da súa mocidade, desde o Goberno local bríndanlles igualmente todo o apoio e colaboración, “máis agora cando un inicia un novo proxecto”, un xesto agradecido por Enrique Carreira quen subliñou a axuda e implicación do Concello con este club, co kung fu e co deporte en xeral.

15 de maio de 2014 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.