Uns 500 escolares participaron en Riveira no proxecto Nós+Outros de educación na diversidade

Nós+Outros en Riveira
O proxecto de educación na diversidade Nós+Outros, impulsado polo Concello de Riveira a través dos Servizos Sociais, concluíu con éxito no día de hoxe, cun último taller desenvolvido ante os alumnos de segundo curso de primaria do Colexio A Milagrosa de Oleiros.
En total, foron máis de cincocentos os rapaces que se beneficiaron desta iniciativa. Once dos obradoiros organizados tivo por destinatarios máis de 275 alumnos de Secundaria pertencentes a cinco centros (IES Leliadoura, IES Número 1, colexio Galaxia, colexio Sagrado Corazón de Castiñeiras e colexio Bayón), mentres que outros nove desenvolvéronse ante máis de 225 estudantes de Primaria de sete colexios (CEIPS de Aguiño, O Grupo, Frións e Palmeira e colexios Bayón, Galaxia e A Milagrosa).
O bo resultado da cita asegura a continuidade da mesma no primeiro trimestre do vindeiro curso escolar.
Coñecer Riveira dende unha perspectiva sociocomunitaria, previr actitudes e comportamentos segregacionistas e dar a coñecer o papel e funcións dos Servizos Sociais foron os obxectivos dunha acción que deu comezo o pasado mes de marzo no colexio Galaxia.
O pedagogo municipal Santi Páramo foi o encargado de desplegar as actividades de que consta a iniciativa. As sesións foron eminentemente participativas, de tal xeito que os alumnos puideran aprender xogando a través de materiais como globos, pintura de dedos, xiz, lousas, etc. Cada sesión durou entre 60 e 90 minutos.











